Concellos

Os veciños de Alais (Castro Caldelas) honran ao seu patrón, San Bartolomé

De celebración están os veciños da parroquia de Alais en Castro Caldelas. Veñen de honrar ao seu patrón San Bartolomé e de novo puxeron na man do santo as primeiras uvas maduras de mencía e godello desta colleita, recollidas na Costa de Alais e Porto de Lobos, da D.O. Ribeira Sacra.

Pese á pandemia e a ser día laborable, os veciños quixeron compartir este día xuntos. “O Concello e os veciños participaron nunha alborada acompañados da música por toda a Parroquia onde ían sendo recibidos cos bos produtos da terra. E por suposto non faltou o viño da Ribeira Sacra da subzona de Castro Caldelas, a bica manteigada, o roscón caseiro e un bo licor café e licor de herbas”, explica a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

 

 

Ademais nesta xornada tan especial honrouse tamén á veciña máis maior, a señora Carmen que aos seus 93 anos segue conservando o humor e a retranca. Tamén se recordou cunha peza musical a José, O Roxo, ante a súa tumba porque durante a súa vida sempre foi un dos colaboradores na organización destes festexos.

Foi unha xornada emotiva e de ledicia entre os veciños e na que se lle pediu ao Santo o cese desta pandemia para poder recuperar a convivencia en normalidade.

Fotos cedidas.

 

Con 93 anos e unha alegría envexable a señora Carmen desfruta dos festexos na súa parroquia de Alais. Na imaxe, coa alcaldesa de Castro Caldelas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button