ConcellosÚltima horaVilamartín

Os veciños de Córgomo e Chere únense para homenaxear a Florencio Delgado cun mural

O artista valdeorrés e todo aquel que queira colaborar levarán a cabo a obra este sábado 7 de maio no Barrio de Surrego

Decoración de Córgomo con botellas por parte das mulleres rurais./ Foto cedida.

 

Homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán e embelecer o pobo. É o dobre obxectivo da iniciativa artística que se levará a cabo este sábado 7 de maio en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Trátase da elaboración dun mural no Barrio de Surrego por parte do artista valdeorrés Gerardo Rodríguez Ramos ‘Chere’, autor do deseño, coa axuda dos veciños.

Este é o ano de Florencio polo que o poeta será o protagonista do mural, xunto a unha mestura de Córgomo, México e o viño, que terá unhas dimensións de 12 metros de longo por 3 metros de alto. Trátase dunha actividade para nenos e maiores que comezará ás 9:30 horas do sábado e continuará pola tarde, rematándose o domingo de maña.

Promovida pola Asociación de Mulleres Rurais e polos veciños de Córgomo, coa colaboración da Comunidade De Montes de Córgomo e  do Concello de Vilamartín de Valdeorras, esta é unhas das moitas e variadas actividades que se están realizando e se van a realizar na aldea natal de Florencio nas que as mulleres rurais teñen un papel fundamental.

En proxecto está a elaboración doutro mural; seguir co embelecemento do pobo en xeral (con maceteiros, coa recuperación da toponimia por medio dunhas placas cos nomes das airas e barrios, coa restauración de bancos,…) o que provocou que varios veciños se animaron a arranxar as súas casas. “Todo isto é un gran de area na recuperación e posta en valor do rural. Por medio de estas actividades facemos pobo, perseguimos que os que viven en Córgomo queiran seguir vivindo e abrir as portas a que máis veciños o fagan e así combater a despoboación do rural”, asegura Lucio Santalla Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button