No mediodía deste luns 29 de xullo a localidade vilamartinesa de Córgomo rendía homenaxe á patroa, Santa Marta inaugurando o retablo recentemente restaurado.
Tal como estaba previsto, pouco antes das 13 horas a encargada da obra, Sofía Anta, Licenciada en Belas Artes, na especialidade de Conservación e Restauración, explicaba aos veciños a historia do retablo e o proceso que levou a cabo.
O Retablo de Maior de Santa Marta foi construído cara a 1700 en estilo barroco, sendo policromado e dourado algunhas décadas máis farde, sendo a finais do século XVIII cando se fixeon algúns engadidos como o sol con Deus Pai e os vasos da parte superior. A imaxe de talla actual de Santa Marta é de 1774 de madeira tallada cuberta dunha fina capa de aparello ou estuco brando, dourado (follas moi finas de pan de ouro auténtico) e policromado.
“Ao longo dos anos sufrira o ataque do caruncho, o efecto das pingueiras e a humidade. Estaba cuberto de po, pingas de cera e fume de velas así como de bariz de goma laca envejocida, e purpurina e vernices máis modernos que lle daban un aspecto monocromo e opaco, e ocultaban as cores orixinais”, explicou Sara, engadindo que en varias zonas había queimaduras perdéndose algunhas pezas e molduras, as ícomo zonas de pintura.
“Había repintes que trataban de ocultar estes danos. O sagrario orixinal, que debía estar moi deteriorado polo caruncho e perdeuse, sendo substituído polo actual”, dixo, explicando que os procesos consistiron en tratar e reparar todas esas degradacións: “tratamento anticarcoma; consolidación das zonas debilitadas polo caruncho, e da pintura e aparello mal adheridos á madeira; limpeza superficial con brocha e aspirador para eliminar o po, os excrementos de morcego e entullo procedente dos muros e tellado; limpeza con disolventes para eliminar o fume, a sucidade máis incrustada, os vernices e repintes, algúns mesmo con bisturi; a reconstrución das zonas e pezas perdidas; o aparellado e reintegración das perdas, e o vernizado final de protección”.
Trala explicación tiña lugar a procesión coa imaxe de Santa Marta ao redor da igrexa seguida da santa misa oficiada polo párroco Daniel Pérez Quintela e cantada polo coro.
Fotos e vídeos: O SIL.