OurenseÚltima hora

Os veciños de Ourense poderán acceder novamente á Alameda da Ponte trala reforma

Segundo o alcalde, as obras dan resposta a “unha demanda histórica do barrio”

O remate da reforma e adaptación da Alameda da Ponte, está previsto nos vindeiros meses polo que esta mesma primavera “os veciños de Ourense poderán acceder novamente e gozar dun espazo urbano recuperado e mellorado”. Así o avanzaba na mañá do 14 de xaneiro a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita ás obras que está a executar a Consellería de Medio Ambiente, por un importe de case 265.000 euros.

Vázquez Mejuto lembrou que este punto da Cidade das Burgas “necesitaba unha recuperación, que inclúe traballos de impermeabilización na zona oeste para poñer fin ás filtracións existentes; ao tempo que se melloran os equipamentos, como coa colocación de novo mobiliario; se reparan elementos de peche; e se favorecen as condicións de accesibilidade e a rehabilitación da fonte existente”. Os traballos rematarán con tarefas de axardinamento e outras melloras que permitan poñer en valor este espazo, ata o de agora con pouco uso polas condicións nas que se atopaba.

O alcalde de Ourense Jesús Vázquez asegurou que a obra responde a unha vella demanda veciñal e que se suma ás actuacións que durante este mandato se acadaron froito da colaboración coa consellería de Medio Ambiente, como a recuperación do Parque do barrio de Covadonga, un proxecto que contou cun orzamento de 261.000 euros dentro do Plan hUrbe. Pero tamén se produciron actuacións de acondicionamento na Praza do Sagrado Corazón e nas rúas Nicomedes Pastor Díaz, Benito Fernández Alonso, Filomena Dato, García Álvarez, Castelo Ramiro e Travesía Fernández Alonso. Nestas actuacións a Xunta investiu preto de 1,2 millóns de euros.

Neste marco, o rexedor anunciou a presentación dun novo proxecto: a recuperación da Praza Daniel González, no barrio das Lagoas. “Trátase dun proxecto integramente feito polos técnicos dos diferentes departamentos do Concello como Medio Ambiente, Electricidade, Infraestruturas, que suporá unha remodelación íntegra deste espazo e que contará con orzamento de 400.000 euros”.

Artigos relacionados

Back to top button