EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños da D.O. Valdeorras desembarcan na Coruña con actividades dixiridas tanto a profesionais como ao público en xeral

Na iniciativa, que se desenvolve hoxe no Hotel Finisterre, participan 19 adegas desta denominación de orixe

 

Viños de ata 19 adegas da Denominación de Orixe Valdeorras, case a metade das existentes no territorio amparado, poden degustarse ao longo desta xornada de 7 de novembro no showroom con bodegueiros que se desenvolve no Hotel Finisterre da Coruña. “Esta cidade sempre foi e será un mercado prioritario para os nosos viños e hoxe, de novo, traemos un pequeno anaco do noso territorio amparado ata esta cidade co obxectivo de dar a coñecer os mellores brancos e tintos que producimos en Valdeorras e que están a conquistar todo tipo de padais, asegura o presidente do Consello Regulador D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez.

Este evento promocional consta de diversas actividades orientadas tanto a prescritores e públicos especializados como a outros de corte máis xeralista. “O obxectivo último é dar a coñecer o noso potencial vitivinícola ao maior número de persoas posible para que saiban que somos o berce do godello, pero que tamén somos quen de elaborar tintos dunha excelente calidade”, continúa Rodríguez Castellanos.

A axenda de actos desenvolvida no marco deste showroom iniciábase onte cunha cata, promovida polo equipo do prestixioso sumiller Luis L. Paadín (Paadín Eventos), e dirixida polo director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, que se orientou a un público profesional. Sumilleres, adegueiros, distribuidores, consumidores especializados, xornalistas e bloggers foron algúns dos perfís que conformaron o grupo de case 30 persoas que participou nesta cata comentada, na que se divulgaron datos técnicos e curiosidades sobre o xeito de elaborar viños nun territorio amparado, o de Valdeorras, que se caracteriza por contar cunha gran variedade de solos para o cultivo da uva.

 

 

Ao longo da xornada de hoxe, entre as 11h. e as 14h. desta mañá, e de 17h. a 21h. da tarde, os adegueiros desprazados ata a cidade herculina ofrecen unha degustación do mellor das súas colleitas nun acto aberto a todo tipo de público, que está xerando unha gran expectación e afluencia de visitantes.

Entre as persoas que xa pasaron por este showroom figura a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, que puido coñecer, de primeira man, o bo facer vitivinícola de Valdeorras, unha visita que o presidente do Consello Regulador quixo agradecer “moi especialmente”.

Xunto a isto, no marco do programa que se está a desenvolver no Hotel Finisterre un grupo de alumnos do Ciclo Superior de Dirección de Servizos de Hostalaría do CIFP Paseo das Pontes da Coruña recibía unha charla introdutoria sobre Valdeorras e os seus viños por parte do director técnico do Consello Regulador.

Artigos relacionados

Back to top button