EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños da D.O. Valdeorras, na Barcelona Wine Week

Ata 14 adegas amparadas baixo o selo do Consello Regulador participan nesta mostra

Cedida.

 

Entre hoxe e o vindeiro mércores, os que se acheguen ao recinto Fira de Barcelona poderán coñecer as singularidades de diferentes referencias de brancos e tintos do territorio amparado de Valdeorras. Un total de 14 adegas do Consello Regulador participan na Barcelona Wine Week, un foro ao que se prevé que asistan máis de 20.000 profesionais do sector vitivinícola procedentes de 79 países.

Máis de 700 adegas españolas, entre as que se inclúen as de Valdeorras, divulgan os seus produtos e referencias nesta relevante feira catalana. A Barcelona Wine Week supón o primeiro escaparate promocional no que se dan a coñecer os viños da comarca neste ano 2023.

Serán 17 brancos e nove tintos de Valdeorras os que se poderán degustar neste foro. “Unha feira que se singulariza por dar todo o protagonismo ao produto, cun deseño innovador de gran impacto visual”, sinala José Luis García Pando, presidente de Consello Regulador da D.O Valdeorras.

Ao tempo, eloxia o modelo desta foro por ser capaz de aglutinar “baixo un mesmo teito, referencias máis ligadas ao sector vinícola tradicional e mostras de novas tendencias”. “Trátase -engade-dun espazo no que emerxe a calidade do produto e se potencia a singularidade de cada marca”.

Horario de degustación

Os viños de Valdeorras poden degustarse no pavillón oito da Fira, no stand C745, entre as 10.00 e as 19.00 horas de hoxe e mañá e entre as 10.00 e 17.00 horas na xornada do mércores.

Artigos relacionados

Back to top button