
Dentro da campaña de mobilizacións “en defensa dunhas pensións dignas e do sistema público de pensións”, o sindicato CCOO e o Colectivo de Pensionistas de Valdeorras veñen de convocar novas concentracións na praza do Concello do Barco de Valdeorras todos os luns do mes de outubro ás 12:00 h.
Estas concentracións empezarán o vindeiro luns 8 de outubro baixo o lema “En defensa do sistema público de pensións, hoxe, mañá e sempre” e por unhas pensións dignas. Os convocantes chaman a participar a toda a cidadanía da comarca de Valdeorras nestas mobilizacións “xa que, o que está en xogo é a viabilidade do sistema público de pensións, pois o compromiso de actualización das pensión conforme ao IPC, acadado no Pacto de Toledo, non é bastante, é imprescindible lograr o equilibrio financieiro do sistema, de tal xeito que se garantan unhas pensións públicas dignas, hoxe e no futuro. Facemos un chamamento especial á xuventude que é o colectivo que se vai ver mais afectado do xeito en que se sosteña o actual sistema público de pensións”.
Dende CCOO sinálase que “coas medidas anunciadas sobre incrementos nas pensións mínimas, viuvez e actualización das percepcións conforme ao IPC, amósase que a presión e mobilización social, sempre dá os seu froitos. Por isto, animamos a continuar nas rúas as protestas ata conseguir que as persoas estean por riba dos intereses economicistas”.