ConcellosEn portadaFolgoso de CaurelÚltima hora

Osos, apicultura, turismo e desenvolvemento rural, unha oportunidade para O Courel

A presentación da "Ruta do Oso e do Mel" abría onte a xornada "Os espazos naturais: un motor de desenvolvemento para o rural"

 

As oportunidades de desenvolvemento socioeconómico que ofrecen os espazos naturais aos habitantes que viven dentro deles poñíanse de manifesto na xornada “Os espazos naturais: Un motor económico para o rural”, celebrada onte en Folgoso do Courel. Esta xornada realizábanse coa colaboración da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel e inscríbese no marco do proxecto europeo LIFE Oso Courel, que coordina a Fundación Ouso Pardo (FOP).

O programa do encontro encetábase coa presentación da Ruta do Oso e do Mel de Courel, deseñada, acondicionada e sinalizada na contorna da localidade de Seceda do Courel. O traxecto, de 16 quilómetros en total, percorre algunhas paraxes singulares deste territorio, permitindo a contemplación de paisaxes e hábitats oseros, e de elementos que mostran a estreita convivencia dos habitantes destas montañas coa natureza, entre as que destacan os alvares ou alvarizas tradicionais, realizadas en pedra seca e construídas antigamente para protexer os colmenares.

“Esta zona reúne unha das maiores concentracións de alvares que se coñecen, e algúns deles atópanse restaurados e en uso. Esta rica cultura merece ser posta en valor”, indicaba Marcos Reinoso, presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel. De maneira semellante se manifestaba o presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xosé Torres, para quen “o futuro da apicultura no Courel está ligado tanto á súa cultura como ás súas paisaxes e natureza, que permiten producir meles ecolóxicos de alta calidade a partir dunha amplísima variedade de flores”.

Lola Castro, a alcaldesa de Folgoso do Courel, ao que pertence á localidade de Seceda, destaca que “é positivo que a ruta estea vinculada ao mundo da apicultura e que os veciños participasen de forma activa na súa creación e deseño”. A ruta permite ademais facer o percorrido nunha ou en distintas xornadas con tres subpropostas: a Ruta das Anduriñas, a Ruta das Forgas e a Ruta dos Alvares.

Este percorrido, que recupera antigos camiños, vén de ser acondicionada por traballadores locais contratados pola FOP dentro do proxecto LIFE. O deseño do itinerario realizouse en colaboración con numerosas entidades como a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), a Asociación Galega de Apicultura ( AGA), a Asociación de Veciños de Seceda, o Concello de Folgoso do Courel ou o Xeoparque Montañas do Courel.

O proxecto LIFE Oso Courel, cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea, está coordinado pola Fundación Oso Pardo; os seus socios son a Xunta de Galicia e Asociación Galega de Custodia do Territorio, e conta co apoio económico da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e de Naturgy.

Fotos: Fundación Oso Pardo.

Artigos relacionados

Back to top button