DeportesÚltima hora

Ourense acollerá, o domingo 25 de febreiro, o España-Portugal de rugby sub-20

A selección española está preparando o campionato de Europa no Campus e nas instalacións deportivas de Monterrei
Xogada do equipo sénior do Campus Ourense Rugbi. /Foto: Percy.

Como parte da preparación para o campionato de Europa que está levando a cabo en Ourense, a selección española de rugby sub-20 masculina enfrontarase o vindeiro domingo 25 de febreiro ás 11 horas á selección de Portugal no Campo As Lagoas, nun partido amigable que servirá para medir as forzas coas que ambos equipos chegan á cita europea.

Tal como explicaron na presentación, que tiña lugar na mañá do 21 de febreiro no Concello de Ourense, o partido internacional pretende congregar a propios e alleos a este deporte, xa que será de portas abertas nas instalacións do Campus de Ourense. Para a cidade “é moi importante exercer de anfitrión para conxuntos deportivos de primeiro nivel”, salientaba na presentación o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “porque significa que temos as condicións necesarias para facelo”.

 

Cartel do partido internacional.

 

Ourense que presume de 30 anos de amor por este deporte, tamén pode facelo dun equipo que xoga na primeira división B, o Campus Universitario, pero tamén dunha canteira feminina de primeira orde e dunha boa base. Por iso que o delegado da selección sub-20, Sergio Gericó, manifestaba que “non estamos coma na casa, estamos en casa”.

A selección española está composta por 30 deportistas de equipos españois, galeses, italianos e franceses. Tal como explican dende o Concello, actualmente adestran nas instalacións deportivas de Monterrei e no propio Campus, coa vista posta na cita europea de Portugal. A selección anfitrioa é a actual campioa de Europa da categoría e unha boa proba para o conxunto español.

Artigos relacionados

Back to top button