OurenseÚltima hora

Ourense conta con máis de 8.000 ha adicadas á agricultura ecolóxica

O balance do último ano do Consello Regulador indica que a provincia crece por enriba da media da comunidade e rexistra 330 máis nestes primeiros sete meses
De esquerda a dereita, o secretario, o presidente e o vicepresidente de Craega, esta mañá en Ourense.
De esquerda a dereita, o secretario, o presidente e o vicepresidente de Craega, esta mañá en Ourense.

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) presentou esta mañá en Ourense un balance que mostra a evolución do sector da agricultura que se define como libre de aditivos e conservantes artificiais. Así, no exercicio correspondente a 2015, a provincia rexistrou un forte incremento da superficie adicada a este tipo de produción sobrepasando as 8.000 hectáreas (ha). E a tendencia apunta á alza, pois nos sete primeiros meses deste ano xa hai 330,52 ha máis.

O informe foi presentado por membros da directiva do Craega, encabezada polo seu presidente, José Antonio Fernández. Tamén estiveron Albino Fernández e Javier García, vicepresidente e secretario da organización, respectivamente.

Os datos de 2015 definen un importante liderado da provincia de Ourense en canto a superficie adicada a cultivos e pasto para aproveitamento do gando. Así, Ourense conta con 7.760 ha para isto, que representan máis do 43% da superficie adicada a gandeiría en Galicia. Pero tamén se rexistra a presenza da castaña, a produción de cereais e, por suposto, o viñedo, co 54% da superficie total galega aquí.

A importancia da agricultura para gando nesta zona vén respaldada por unha notable tendencia á producción animal. Así, hai preto de medio centear de operadores que apostan por este tipo de produción, seguidos moi de preto pola produción vexetal.

Isto coloca a Ourense como a segunda provincia de operadores gandeiros. Pero tamén cabe resaltar que é a que ten maior superficie por explotación, posto que conta co 43% da superficie adicada á gandeiría e soamente o 20% das explotacións.

Por último, do informe tamén se extraen importantes datos relativos á produción certificada, que en Ourense fixo crecer a facturación en ecolóxico un 30,31% no 2015 con respecto ao ano anterior. Pasou asi dos 2,9 millóns de euros aos 3,8. Entre os produtos comercializados está en primeiro lugar a carne e derivados, que acapara case un 60% da facturación total, seguida polos aceites (17%), leite e derivados (8,9%), produtos apícolas (6,6%) e viños e licores (1,76%), entre outros.

Segundo destacou a directiva de Craega, o 60% desa produción certificada correspondente a produtos cárnicos, refírese en boa parte a carne de tipo vacún de razas autóctonas en perigo de extinción.

Con estes datos, o presidente do Consello Regulador indicou que se trata dun sector en alza que está a atravesar un bo momento. Tamén subliñaron a crecente consciencia que se está a experimentar na sociedade á hora de elixir alimentos ecolóxicos para as súas casas. Así, definiron que o perfil de consumidor está fixado actualmente en persoas de edad media, con estudos medios ou superiores e con fillos, especialmente mulleres.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button