OurenseÚltima hora

Ourense contará cunha senda estrelada no acceso ás Termas de Outariz

Este treito está integrado nun itinerario peonil e ciclista duns 2,6 km e conta cun investimento de 1,2 millóns de euros

O acceso ás termas de Outariz, no concello de Ourense contará coa primeira senda estrelada de Galicia. O proxecto era presentado aos veciños na mañá do 4 de marzo, pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

O tramo está integrado nun itinerario peonil e ciclista que se executará en Reza, cuxas obras se licitarán en outono cun investimento de arredor de 1,2 millóns de euros. Cunha lonxitude duns 2,6 km, construirase ao longo da estrada OU-402, que vai de Ourense a Cortegada, prolongándose ata o aceso á zona termal.  Concretamente, executarase unha senda mixta de formigón coloreado pola marxe dereita da estrada, que contará cunha cuneta de seguridade e unha franxa axardinada naqueles treitos que haxa suficiente espazo e prolongarase, ao longo duns 350 metros, ata o acceso ás termas de Outariz, pola marxe dereita do Miño.

A conselleira indicou que no treito de acceso a Outariz a senda contará cunha singularidade que reforzará o atractivo da zona, pois será estrelada, un itinerario fotoluminiscente que brillará na escuridade, un sistema que “permitirá poñer en valor, embelecer e singularizar este camiño cara Outariz”, dixo Vázquez.

O Diario Oficial de Galicia recolle o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto, así como a relación de bens e dereitos afectados pola construción da senda, polo que os interesados terán trinta días hábiles, ata o 21 de maio, para achegar as observacións e achegas que consideren oportunas.

Outros proxectos importantes previstos na cidade son a mellora integral da OU-105, en Seixalbo, cuxas obras se iniciarán en verán cun orzamento de 800.000 euros; a 2ª fase da posta en valor da Ponte Vella, centrada na mellora da súa contorna, que incluirá o traslado da pista de skate próxima á capela da Misericordia; e a remodelación da Avenida Otero Pedrayo.

Artigos relacionados

Back to top button