OurenseÚltima hora

Ourense despedirá 2023 coa San Silvestre e recibirá 2024 coa Subida á Costiña de Canedo

Presentación das carreiras.

 

A cidade de Ourense despedirá 2023 e recibirá 2024 con carreiras populares: a San Silvestre do 31 de decembro e a Subida á Costiña de Canedo do 1 de xaneiro. Esta mañá o salón de plenos do Concello acolleu a presentación destas dúas tradicionais citas do calendario deportivo da cidade, nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, o presidente do Club Ourense Atletismo, José Antonio Álvarez, xunto ao tamén integrante deste club, Óscar Seoane, e o organizador da Subida á Costiña de Canedo, Saturnino González.

Son dous eventos “moi bonitos e complementarios”, segundo destacou o alcalde, quen animou a cidadanía a participar nas carreiras. “Non hai mellor forma de acabar o ano deportivamente e de comezalo que con estas dúas probas. É unha auténtica marabilla ter esta dualidade”, asegurou.

 

 

A VIII Carreira Popular San Silvestre Ourensá está organizada polo Club Ourense Atletismo e o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense coa colaboración da delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo. Será o domingo, 31 de decembro pola tarde, con 3 categorías: Absoluta (4.66 km), ás 16:30 horas, con 2 voltas a un circuíto polo centro histórico; Sub10, 12 e 14 (1 km) ás 16.15 horas; e Pitufos (70 m.), ás 16 horas.

As inscricións pódense realizar até o día 27 de decembro a través da páxina web de Carreiras galegas a un prezo de 7 euros (só é de pago a categoría adulta).

Pola súa banda, a Subida á Costiña de Canedo chega xa á súa edición número 31, tras celebrarse ininterrompidamente desde a súa creación, no ano 1994. Co seu percorrido habitual, subindo unha das pendentes máis duras da cidade, desde a boca do túnel até o cemiterio, que as persoas participantes poderán realizar en bicicleta, correndo ou andando, tamén coa compañía de cans, se así o desexan, sen inscrición previa e cunha chocolatada ao final.

Artigos relacionados

Back to top button