
A partir de mañá Ourense será punto de encontro dos especialistas en cirurxía da mama, coa celebración do III Congreso da da Asociación Española e Portuguesa de Cirurxáns da Mama (AEPCIMA), organizado nesta edición polo Servizo de Cirurxía do Hospital Universitario de Ourense. Trátase dunha cita internacional que reunirá na cidade a profesionais de toda España e do país veciño para abordar os principais avances no tratamento cirúrxico do cancro de mama.
O congreso sitúa a Ourense no centro do debate científico e asistencial ao redor dunha patoloxía de elevado impacto sanitario e social. Mostra delo, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras realízase cada ano ao redor de 400 intervencións de cancro de mama, no marco dun circuíto multidisciplinar, no que participan ademáis de Cirurxía, Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Radiodiagnóstico, Anatomía Patolóxica, Medicina Nuclear e Enfermaría, entre outros servizos.
Para o xefe do Servizo de Cirurxía do Hospital Universitario de Ourense, Manuel García, “acoller este congreso é un orgullo para o noso servizo e para toda a Área Sanitaria, porque permite compartir en Ourense coñecemento, experiencia e innovación con especialistas de toda a península, nun momento de profunda evolución da cirurxía de mama”.
Ourense, referente en cirurxía robótica de mama
Un dos aspectos centrais do encontro será a cirurxía robótica de mama, un campo no que a Unidade de Mama do Servizo de Cirurxía do Universitario de Ourense conta cunha das experiencias máis consolidadas a nivel nacional. Esta técnica representa unha evolución cara a procedementos menos invasivos, especialmente en casos seleccionados de mastectomía con reconstrución, ao permitir abordaxes con incisións máis pequenas e menos visibles.
A cirurxía robótica aplicada á mama facilita unha maior precisión cirúrxica, reduce a agresión sobre os tecidos e pode favorecer unha recuperación máis rápida, cun menor impacto na imaxe corporal da paciente. Nunha enfermidade na que a seguridade oncolóxica é sempre prioritaria, estes avances permiten incorporar tamén unha visión máis integral do proceso, atendendo á recuperación funcional e física, á calidade de vida e á dimensión emocional do tratamento.
Segundo Manuel García, “a cirurxía de mama cambiou de maneira moi importante nas últimas décadas. Pasamos a unha cirurxía cada vez máis precisa, máis conservadora e máis personalizada. A robótica é un paso máis nesa evolución, porque nos permite manter a seguridade oncolóxica e, ao mesmo tempo, reducir o impacto da intervención”.
Innovación desde a sanidade pública
O doutor García, cunha traxectoria profesional de máis de trinta anos no ámbito cirúrxico, é un dos principais impulsores da incorporación da cirurxía robótica neste campo. A súa experiencia reflicte a evolución vivida pola cirurxía mamaria nas últimas décadas, marcada pola progresiva incorporación de técnicas máis precisas, menos invasivas e mellor adaptadas ás necesidades de cada paciente.
“A tecnoloxía só ten sentido cando achega valor real ás pacientes. O importante non é incorporar innovación por si mesma, senón facelo con criterio clínico, seleccionando ben os casos e integrándoa nun equipo multidisciplinar, que acompaña á paciente desde o diagnóstico ata o seguimento”, sinala o xefe do Servizo de Cirurxía.

Cirurxía en directo, reconstrución, IA e risco xenético
O programa científico inclúe cursos precongreso, esta tarde mércores 6 de maio, con sesións sobre cirurxía endoscópica no Parque Tecnolóxico de Ourense, e formación específica en determinadas técnicas, así como de ecografía mamaria, no Hotel Barceló Ourense. Nestas actividades participarán profesionais como Lidia Blay, Teresa Ramos, Gonzalo de Castro, Manuel García, Elisa York, Benigno Acea Nebril, Rogelio Andrés-Luna, David Pinto, André Magalhaes, Jaime Jimeno, Ramón Sousa, Carlos Fuster, José Luis Fougo e Sonia Rivas.
A xornada de mañá, xoves 7 de maio, abrirase cun bloque de “Cirugía sen filtro”, con actividade simultánea en dous quirófanos: un dedicado á cirurxía robótica, moderado por Lidia Blay e con Giada Pozzi, Manuel García e David Pinto, como poñentes; e outro centrado na cirurxía endoscópica, moderado por Elisa York, coa participación de Giada Pozzi e Teresa Ramos. A inauguración oficial terá lugar ás 13.30 horas.
Ese mesmo día abordaranse tamén cuestións como os colgaxos locais para a cobertura da necrose cutánea tras mastectomía preservadora de pel ou pezón; a cirurxía de conservación mamaria extrema; a reconstrución en pacientes que precisan radioterapia e a aplicación da intelixencia artificial á imaxe mamaria e á práctica médica. No programa figuran intervencións de Benigno Acea, Regis Paulinelli, Antonio Güemes, Ramón Campillo, Javier Morales, Marina Álvarez e Pedro Gouveia, entre outros especialistas.
A actividade continuará o venres 8 de maio con novas sesións de “Cirugía sin filtro”, centradas no lipofilling e na redución mamaria, coa participación de Gonzalo de Castro, Benigno Acea, Regis Paulinelli e Manuel García. A xornada incluirá ademais unha conferencia de Ángel Carracedo sobre riscos xenéticos e estratexias actuais, así como unha mesa específica sobre o manexo da axila en 2026, con relatorios sobre a omisión de tratamentos con evidencia, o papel da radioterapia, o consenso multidisciplinar español en estadificación axilar e a reconstrución funcional da axila.
O congreso completará o seu programa coa presentación das mellores comunicacións, a revisión dos mellores artigos de 2025, a selección das mellores fotografías e a celebración da asemblea xeral da asociación.