ConcellosÚltima hora

A provincia terá 20 obradoiros de emprego que beneficiarán a 400 parados

A Xunta amplía a dotación orzamentaria e destina preto de 3,5 millóns de euros a estes programas, que se levarán a cabo en 75 concellos ourensáns
O director xeral de Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presentou os obradoiros de emprego xunto coa delegada territorial, Marisol Díaz.
O director xeral de Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presentou os obradoiros de emprego xunto coa delegada territorial, Marisol Díaz.

O goberno autonómico vén de concederlle á provincia de Ourense un total de 20 obradoiros de emprego, que beneficiarán a preto de 400 persoas desempregadas de 75 concellos. Así o anunciaba onte o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira. Ademais, no caso dos municipios de Ourense e O Carballiño tamén se porán en marcha dúas lanzadeiras que empregarán a outras 120 persoas.

Isto responde a un aumento na dotación orzamentaria dos obradoiros e lanzadeiras de emprego que realizou a administración da comunidade.No caso de Ourense, isto supón un aumento do 20%, xa que o ano pasado só se levaron a cabo 16. Deste xeito, está prevista a inversión de preto de 3,5 millóns de euros e os programas faranse, na súa maioría, de forma conxunta entre varias localidades ou a través de mancomunidades.

Os representantes do goberno galego explicaron que dos 20 programas mixtos concedidos na zona, tres son específicos para menores de 30 anos, que está reflexada nunha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Cada obradoiro ofrecerá formación e emprego a 20 alumnos en dúas especialidades, cun presuposto de case 180.000 euros. No caso dos específicos para menores de 30, formarán a 15 alumnos, con 133.000 euros.

As competencias que se impartirán pasarán por variedade de sectores: dende carpintería, albanelería, xardínería, axuda ao fogar, aproveitamento e repoboacións forestais até deseño de páxinas web.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button