OurenseÚltima hora

Ourense terá un novo xulgado a partir de xaneiro do vindeiro 2018

Na xuntanza establecida hoxe na Conferencia Sectorial de Xustiza, en Madrid, tamén se decretou a apertura de novos xulgados na Coruña, Vigo e Ferrol
A Conferencia estivo presidida polo ministro de Xustiza, Rafael Catalá.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe, 27 de xullo, en Madrid na Conferencia Sectorial de Xustiza, onde o Ministerio de Xustiza confirmou a creación de catro novos xulgados en Galicia nas cidades de Ourense,  A Coruña, Vigo e Ferrol. A previsión é que estas novas unidades xudiciais poidan estar funcionando antes do 1 de xaneiro de 2018.

Dende a Xunta valoraron positivamente que se veña de confirmar a creación destes novos xulgados, algo que non se facía desde 2010. Ademais,o vicpepresidente agradeceu que o Ministerio “respectara a proposta galega para a ubicación destas sedes, que foi elaborada en coordinación entre o Goberno autonómico e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.

Tras a reunión, presidida polo ministro de Xustiza, Rafael Catalá, o Goberno galego mostrou a súa disposición para “axilizar ao máximo posible” os prazos para posta en marcha destes xulgados, tras a publicación (previsiblemente en setembro) do Real Decreto que estableza a súa creación.

Por último, a Xunta tamén apelou á “necesidade de que a creación de xulgados continúe en 2018 para seguir mellorando o servizo á cidadanía, especialmente naqueles lugares con máis carga de traballo”.

No encontro, abordáronse ademais outras cuestións relevantes como o reparto do fondo de 6 millóns de euros para mellorar os recursos e medios materiais da Administración de Xustiza nas comunidades autónomas con competencias na materia. Deste total, Galicia recibirá uns 440.000 euros, o que a converte na cuarta comunidade autónoma que máis fondos recibe.

Outro dos temas que se abordou no seo da Conferencia Sectorial foi a necesidade de avanzar cara un sistema procesal común en toda España. Neste sentido, Galicia defendeu a importancia de sentar as bases da coordinación e superar a situación actual, con nove sistemas con difícil compatibilidade.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button