EconomíaEconomíaÚltima hora

Ovica: “A orde que inclúe ao lobo no catálogo de especies protexidas coloca ao sector gandeiro nunha situación de indefensión”

A Asociación de criadores de ovino e caprino vén de facer público o seu posicionamento sobre esta nova orde ministerial

 

A Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica) vén amosar, a través dun comunicado de prensa, a súa postura perante a nova Orde ministerial que inclúe ao lobo no catálogo do LESPRE (especies ameazadas). “Despois do análise da nova orde publicada e as súas repercusións directas na actividade gandeira, esta asociación quere expresar o seu rotundo rexeitamento ao procedemento co que se ten levado a cabo a inclusión do lobo no cata logo de especies ameazadas. Igualmente, compartimos e apoiamos a postura da Xunta de Galicia e do resto de comunidades autónomas da cornixa cantábrica de recorrer xudicialmente a aplicación desta norma”.

Ovica resalta que esta normativa “coloca nunha situación de total indefensión ao sector gandeiro galego e, principalmente, ao sector ovino e cabrún, por ser este o que máis sofre os ataques do lobo. Deixa no aire cuestións de gran importancia como a concesión de axudas para os danos producidos pola fauna salvaxe, a execución dos plans autonómicos de conservación das especies vulnerables ou as condicións nas que se permitirá o control do lobo, entre outras”.

Tamén cre Ovica que orde deixa “caer todo o peso da responsabilidade sobre as persoas titulares de gandarías, obrigándoas ao cumprimento dos inviables requisitos do catálogo de medidas de protección das explotacións contra o lobo. A adopción destas medidas suporían un desorbitado aumento dos custes, tanto materiais como persoais, que non se ten en consideración”.

Por todo isto, Ovica solicita “a paralización da aplicación desta norma mentres non se teña deseñado, consensuado e dotado de medios económicos, un plan que faga posible a convivencia co lobo e a compensación económica xusta para as ganderías que conviven coa fauna salvaxe en xeral e co lobo en particular. Non queremos deixar pasar a oportunidade de expresar que a loita do sector gandeiro non é contra a existencia do lobo, pois entendemos que forma parte da biodiversidade e da fauna que habita o medio rural, senón pola adopción de medidas compensatorias equilibradas e axustadas á realidade do sector, que fagan posible a convivencia e o mantemento das producións gandeiras”.

Artigos relacionados

Back to top button