DeportesÚltima hora

Valdeorreses entre os 45 deportistas que reciben axudas da Deputación de Ourense

 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, entregou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel as axudas a 45 deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada deportiva 2021-2022. A Deputación de Ourense desenvolve esta iniciativa desde o ano 1988 demostrando o compromiso desta institución cos “nosos deportistas” e recoñecendo de xeito público “o traballo que consolida cada unha destas traxectorias, referentes nos seus respectivos deportes”, resaltou Luis Menor. Estas axudas son un claro exemplo desa “firme aposta” do goberno provincial a prol do deporte “desde todas as perspectivas: fomentando o deporte base, colaborando cos deportistas e traballando na consolidación de Ourense coma unha provincia perfectamente preparada para acoller probas do máximo nivel en calquera deporte”, salientou o presidente.

As axudas concedidas, correspondentes á convocatoria do 2023, organízanse en catro grupos segundo a categoría do deportista, quedando distribuídas da seguinte maneira: no primeiro grupo atópanse sete axudas de 1.500 euros cada unha; no segundo grupo están sete deportistas que recibirán unha achega de 800 euros cada un deles; no terceiro grupo inclúense dez axudas de 600 euros cada unha; e por último, no cuarto grupo están 21 deportistas con 400 euros para cada un deles. En total, a Deputación de Ourense destinou 30.000 euros en 45 bolsas para deportistas ourensáns de diferentes disciplinas coma a ximnasia acrobática, tiro olímpico, atletismo, boxeo, taekwondo, bádminton, pesca, halterofilia, entre outros.

Entre os deportistas que recibirán a axuda figuran algúns padexeiros do Club Fluvial Barco, así como o piloto de enduro valdeorrés Jorge Paradelo.

 

 

Ademais da entrega das axudas, realizouse o tradicional recoñecemento público a un técnico deportivo ourensán que nesta edición recaeu en Marta Bobo Arce, pioneira no deporte de alto nivel, neste caso en ximnasia rítmica, sendo a primeira galega en participar nuns Xogos Olímpicos no ano 1984, o primeiro ano en que a ximnasia rítmica foi olímpica, quedando novena clasificada. Marta Bobo recibiu o Premio Reina Sofía á mellor deportista española nos Premios Nacionais de Deporte de 1984.

Luis Menor reivindicou que o traballo de Marta “servirá de inspiración a moitos dos que hoxe nos acompañan porque ela demostrou que con constancia e disciplina é posible facer historia” e agradeceu á homenaxeada que levará a Ourense aos primeiros postos e galardóns do deporte e da ximnasia rítmica.

Artigos relacionados

Back to top button