PolíticaÚltima hora

Pachi Vázquez presenta a súa precandidatura á secretaría xeral do PSdeG de Ourense

Asegura que concurre a este proceso coa “intención de sumar” e que pode aportar “experiencia e ilusión”
Pachi Vázquez, na rolda de prensa na que presentou a súa precandidatura.

Unir o partido e mellorar a súa situación actual na provincia. Son as motivacións que levaban a Pachi Vázquez a tomar a decisión de presentarse como precandidato á secretaría xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, tal e como explicaba en rolda de prensa na mañá do 16 de novembro na sede provincial desta formación política.

Ademais de presentar a súa precandidatura, Vázquez comentaba que dá este paso porque cre que pode aportar experiencia e tamén ilusión, tanta como “o primeiro día que me presentei a unhas eleccións municipais no Carballiño”. E engadía que o fai coa “intención claramente de sumar”. Cre que na provincia de Ourense “temos un partido forte, non somos un partido minoritario nin residual, temos oito deputados provinciais, preto de 250 concelleiros, 17 alcaldes”.

Comentaba que nesta mesma mañá falou con dous dos candidatos que tamén optan a este proceso de primarias socialistas: Rafael Villariño, alcalde de Amoeiro; e coa deputada autonómica Noela Blanco. “En canto teña ocasión falarei tamén con Álvaro Vila”. E agarda que sexa “unha campaña limpa e en positivo”.

 

Pachi Vázquez durante a súa intervención.

Preguntado polos xornalistas sobre a disolución da executiva provincial e o nomeamento dunha comisión xestora, respostaba que respecta “ao máximo a Gonzalo Caballero” e que vai “ser leal ao secretario xeral en todo momento, gane ou perda neste proceso”. Sen embargo, matizaba que non comparte a conformación da xestora “a poucos días de haber un proceso de primarias, cando xa practicamente estaba disolta e se acordara un calendario e a convocatoria do congreso provincial”.

En calquera caso, concluía, “o obxectivo ten que ser o de todos, sumar para que o partido sexa forte co que temos por diante, onde o máis inminente será a celebración das eleccións municipais”.

Artigos relacionados

Back to top button