En portadaÚltima hora

Parada de Sil amosa algúns dos seus tesouros aos sendeiristas

O proxecto promocional "Coñece e Saborea" do GDR Sil-Bibei-Navea recalaba neste municipio

 

Penúltima etapa en Parada de Sil do proxecto “Coñece e Saborea”, unha iniciativa de promoción do territorio aprobada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea. Este proxecto pretende dar a coñecer o territorio e os produtos locais e rematará o día 8 de outubro cunha andaina en Castro Caldelas.

Así, o domingo 2 de outubro, os camiñantes (coa inscrición pechada hai tempo) déronse cita na Fábrica da Luz, onde o foron recibidos polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez e polo guía, quen lles explicou como ese edificio que hoxe é un centro de natureza, café bar e albergue, a principios do século XX funcionaba como unha central para producir enerxía eléctrica, das primeiras de Galicia.

Os participantes na andaina percorreron a pasarela do Mao aprezando a forza dun río xove que está a buscar acomodo para logo ir ao Sil embalsado e xa como un río vello. Ademais puideron ver a mestura de vexetación Mediterránea e Atlántica.

Tamén pasaron pola necrópole de San Vítor de Barxacoba, que dende a súa escavación documentou historicamente a existencia dun cemiterio de tumbas antropomorfas en pedra, o máis grande do noroeste peninsular, así como un forno de fundición de campás de entre os séculos IX e XI.

Unha vez remataron na Fárica da Luz desprazáronse a Parada de Sil, onde, no Restaurante O Curtiñeiro foron obsequiados con produtos da terra elaborados pola súa cociñeira Inma, tales como hojaldre de grelos con queixo Touza Vella, crema de calabacín con castañas Amarelante e lascas de Touza Vella, queixo rebozado en fariña de castaña con marmelada de viño tinto Ponte da Boga, tosta de outono de setas, castañas e paté de boletus rematando cun flan de licor café de Icatú.

Despois da comida moitos fixeron unha visita a Casa Museo do Chocolate en Teimende, único Museo do Chocolate de Galicia.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button