ConcellosParada de SilÚltima hora

Parada de Sil logra, por segundo ano consecutivo, o distintivo de Bandeira Verde

 

Vén de resolverse a concesión por parte da Xunta de Galicia do distintivo de Bandeira Verde a varios concellos entre os que na provincia de Ourense está Parada de Sil. Esta distinción recoñece as boas prácticas do concello na conservación e protección da paisaxe e o medio ambiente.

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, é consciente “da necesidade de protexer a paisaxe natural dun concello que é o corazón da Ribeira Sacra e promover a sostibilidade sobre todo en Rede Natura e Reserva da Biosfera e nese camiño se levan a cabo todas as actuacións”.

O Concello presentou unha memoria como candidato a esta distinción no mes de maio con actuacións en tres eixos. No de Ordenación do territorio e protección da paisaxe presentou quince actuacións entre as que cabe salientar as prácticas Universitarias de tres estudantes para axudar a ordear a produción da castaña e os soutos. Tamén a colocación dunha barreira con código que impide nos períodos de máxima afluencia as visitas a Santa Cristina en coche particular para axudar a ordear os fluxos turísticos; o mesmo que o aparcadoiro que paisaxísticamente está totalmente integrado no medio natural e que leva unha infraestrutura para a carga de vehículos eléctricos pendentes da conexión neste momento.

“Esta actuacións, xunto con a colocación de alumeado Led en todos os pobos do concello, camiña claramente na contribución a eficiencia enerxética e a intentar de xeito moi modesto a frear o avance imparable do cambio climático”, segundo o rexedor.

Por outra banda e en relación co terceiro eixo de accións de sensibilización e comunicación, o Concello pretende difundir os valores e medios de vida locais e promover os valores patrimoniais e naturais sempre dende o punto de vista da conservación e potenciando o vínculo de visitantes e poboación local con este territorio.Para elo lévanse a cabo feiras de produtos locais, sigue a promoverse a recollida colectiva da castaña entre outras actuacións.

Remata o alcalde amosando o seu contento por esta distinción que se renova e manifesta o seu compromiso “de seguir traballando na sostibilidade do territorio e así potenciar aínda máis os valores de Ribeira Sacra”.

Artigos relacionados

Back to top button