Dentro das medidas de control sanitario que establezan as autoridades “cada momento e cumprindo sempre a normativa”, o Concello de Parada de Sil, xunto coa iniciativa privada está a traballar na reactivación do turismo.
“Esta fin de semana abrirán todos os establecementos hoteleiros e de restauración incluíndo, restaurantes, hoteis, casas rurais, A Fábrica da Luz e o cámping Cañon do Sil, único da Ribeira Sacra ourensá, e, dado que posiblemmente se permitirá a mobilidade en Galicia, prevese unha importante afluencia de visitantes polo que se recomenda concertar as chegadas por correo electrónico ou teléfono cos establecementos respectivos”, tal e como indica o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.
Tamén anuncia a posta en marcha das oficinas de turismo, con amplo horario amosando o seu “orgullo por ter dous certificados SICTED, un na oficina de turismo do Concello e outro na Casa Museo do Chocolate”. Ademais reabrirá o Mosteiro de Santa Cristina, “o buque insignia do concello”. Para un mellor aproveitamento da visita, prégase consultar horarios na web do concello https://www.paradadesil.es/index.php/es/.
Por último, o rexedor informa do arranxo da estrada Xunqueira de Espadañedo-Parada de Sil que sufrira un forte deterioro coas xeadas e co sal. “Este é unha estrada cun percorrido pola montaña con vistas espectaculares ao Canón do Sil e na que existe un magnífico miradoiro no que se anuncia A Ribeira Sacra- Parada de Sil”.
Ao mesmo tempo, Aquilino Domínguez, reitera a necesidade de que a Deputación Provincial “se faga cargo da titularidade desta estrada que soporta un alto nivel de tráfico, cun volume superior a moitas estradas de titularidade provincial, xa que supón un importante custe para as arcas do concello”.