Dende Pena Folenche (Trives) arredor das nove e media dunha agradable mañá de 17 de novembro iniciábase a segunda Camiñada Cultural de Valdeorras deste outono, cuns 6 quilómetros de distancia. Unha vintena de persoas participaban neste traxecto guiado por Matilde, da Oficina de Turismo trivesa.
O camiño pasaba entre soutos de antigos castiñeiros ata chegar a un singular e interesante conxunto de Sequeiros, construcións tradicionais onde antano se secaban as castañas. A ruta proseguía ata chegar á Ponte Navea, de orixe romana e refeitura medieval, onde os asistentes podían escoitar as explicacións do arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer Sierra. Por ela transitaba a Via Nova do Itinerario Antonio.
Ao carón desta ponte tamén se conserva a Capela da Encarnación, na que pode verse tallada na clave do arco da porta a cruz de Malta. O percorrido desta camiñada concluía na rocha-miradoiro de Penafolenche.
Fotos: Gustavo Docampo.