Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

Patricia Lamela: “Larouco medrou en calidade de vida e pido o apoio para continuar mellorando este concello”

A candidata do PP á alcaldía deste concello e actual rexedora participaba esta tarde nun mitin xunto á conselleira de Política Social e ao presidente da Deputación

 

“Queremos seguir mellorando a atención aos veciños, para que todos poidan atopar no Concello a solución ás súas necesidades”, ademais de “reforzar a participación cidadá nos asuntos municipais, en especial na transparencia das contas”. Era unha das mensaxes que lanzaba a candidata do PP á alcaldía de Larouco e actual rexedora, Patricia Lamela, no mitin que esta tarde celebraba ante as numerosas persoas que enchían nas antigas escolas. Neste acto estaba arroupada pola conselleira de Política Social, Fabiola García, e polo presidente do PP de Ourense e da Deputación, Manuel Baltar.

“Creo na política como ferramenta de traballo para buscar solucións ás necesidades da veciñanza”, dicía Patricia Lamela, e, neste senso, expoñía o labor realizado nesta lexislatura na que o Concello de Larouco lograba “1,8 millóns de euros en 113 subvencións” e realizaba máis de 100 actividades. Así, pedía o apoio para continuar e avanzaba dez proxectos centrais “para seguir construíndo o futuro de Larouco”.

 

 

“Sabemos cales son as nosas limitacións e puntos fortes e o mundo vitivinícola é o noso futuro”, resaltaba a número 1 do PP en Larouco, facendo tamén fincapé na importancia de continuar “mellorando na protección e axuda á familia, ampliando a oferta de vivenda social, tamén na axuda aos nosos maiores, destinando máis recursos, na protección e axuda ao emprendemento, mellorando a calidade de vida de todas as persoas, mellorando núcleos de poboación, as rúas e os lugares de encontro”.

Así mesmo referíase á protección ao medioambiente, á creación dun punto limpo e á importancia das enerxías renovables, a aposta por mellorar a oferta cultural e a atención ao cidadán, así como por mellorar a participación cidadá nos asuntos do Concello, en especial na transparencia das contas. Patricia Lamela tamén resaltaba o labor realizado para dar a coñecer e valorizar o rico patrimonio cultural e arqueolóxixo de Larouco. Así, aludía á posta en valor do Castro do Castrillón ou ao descubrimento dos lagares rupestres “e seguiremos traballando para facer o mesmo con todo o noso patrimonio”.

 

 

E concluía referendíndose ás instalacións deportivas. “Aquí o está o proxecto pedido para un novo parque e un novo ximnasio no pavillón”, dicía amosando ese documento”. “Só con respecto, traballo, unión e honestidade seguiremos creando un concello mellor para todos. Larouco medrou en calidade de vida, desexo continuar mellorando por iso pido o apoio da veciñanza”, remataba.

 

 

Tras a candidata popular á alcaldía de Larouco interviña a conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurando que “o PP de Galicia, o de Ourense ou o de Larouco somos sinónimo de traballo, de compromiso e de bo facer, e así o demostramos en todos os concellos onde gobernamos”. Cualificaba a Patricia Lamela como unha persoa “seria, comprometida, que traballa as 24 horas ao día e que é unha máquina de presentar proxectos ante a Xunta, ten ideas, ilusión e vocación para seguir traballando polos seus veciños”. E comentaba que está acompañada na candidatura popular dun equipo “de homes e mulleres comprometidos para achegarse e coñecer as necesidades de cada veciño e que saben moi ben o que hai que mellorar. E ademais teñen o mellor proxecto para Larouco. Por iso o único voto útil é o do PP de Larouco”.

 

 

Finalmente, tomaba a palabra o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, quen destacaba “o excelente traballo de Patricia Lamela ao fronte do Concello de Larouco nestes últimos catro anos”, cunha “xestión que a acredita como unha solvente líder municipal e unha potente fonte de proxectos. Nós presentámonos para facer, en positivo, e aquí están os feitos”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button