Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

Paula Prado destaca a renovación do 75% nas listas do PPdeG ao Congreso e ao Senado

 

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destacaba hoxe a renovación do 75% nas listas que a formación presenta ao Congreso e o Senado, nas que 3 de cada 4 membros están por primeira vez. “Somos un partido grande e temos a capacidade de renovar os equipos”, engadiu.

Na súa comparecencia ante os medios estivo acompañada polo vicesecretario de Organización do PP e cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Tellado; así como do resto de cabezas de lista do PPdeG ás Cortes Xerais: Francisco Conde, Ana Pastor, Ana Vázquez, Rosa Gallego, José Manuel Barreiro, Pepa Pardo e Carmen Leyte.

“No PPdeG tomámonos ao pé da letra o de elixir os números 1 para o Congreso e o Senado, porque as listas para as eleccións xerais do 23 de xullo da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra están encabezadas por oito auténticos números 1”, afirmou.

Neste sentido puxo en valor a súa “experiencia, traxectoria, sentidiño e capacidade de xestión”, así como “o seu compromiso con Galicia e a súa responsabilidade por asumir o reto de representar á Comunidade nas Cortes Xerais”. Amosándose convencida ademais de que o equipo liderado por Alberto Núñez Feijóo “gaña moito con estes oitos cabezas de lista”.

Paula Prado quixo referirse nomeadamente a Rosa Quintana, á que definiu como “a persoa que mellor coñece o sector do mar en toda España”; a Pedro Puy, “o mellor portavoz do Parlamento de Galicia”; e a “dous grandes referentes” no Congreso como Marta González e Jaime de Olano. “Presentamos unhas candidaturas ao Congreso e o Senado das que estamos moi orgullosos, con grandes doses de experiencia pero cunha ampla renovación”, concluíu ao respecto.

Pola súa banda, o vicesecretario nacional e candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Tellado, falou en nome dos oito cabezas de lista para agradecer a confianza depositada neles polos presidentes Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda e remarcar o seu orgullo por “representar a Galicia e ás catro provincias nas Cortes Xerais” e “traballar todos xuntos no equipo que conformará o próximo presidente do Goberno de España”.

 

Artigos relacionados

Back to top button