OurenseÚltima hora

Pazolandia abre as súas portas o vindeiro 26 de decembro no Paco Paz, en Ourense

A iniciativa celebra este ano o seu 25 aniversario e a entrada ten un custo de 4 euros
José Domarco, Rosendo Fernández e Bernardino González.

O parque estacional “Pazolandia” abre as súas portas o vindeiro 26 de decembro no pavillón Paco Paz da Deputación, en Ourense, até o 4 de xaneiro de 2018. Este punto de encontro do ocio infantil de Nadal cumpre 25 anos e segundo dixo na presentación de hoxe, 21 de decembro, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, “ten a nenos e xóvenes como protagonistas”.

Os horarios de apertura son en dúas sesións diarias, dende as 11:00 ás 14:00 horas e dende as 17:00 até as 20:00 horas.

Tanto o vicepresidente como o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, quixeron destacar e agradecer o labor que está a realizar todo o persoal para que os rapaces poidan gozar desta actividade nestas datas tan sinaladas.

O prezo da entrada ao parque mantense en 4 euros e, para os nenos que veñan a través dos concellos da provincia o prezo da entrada é de 3 euros. As entradas poderán ser adquiridas nos despachos de billetes do recinto ou a través da Internet na páxina www.pazolandia.es.

Pazolandia ofrece máis de cen actividades diferentes que van dende as atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación puntual, ludotecas, así como un multiespazo de videoxogos, obradoiro de realidade virtual, inchables, entre outras.

“Na zona exterior estarán seis atraccións para nenos de entre 8 e 14 anos e no interior, todas as outras actividades. Nesta edición, a novidade é a ampliación da zona de obradoiros e un novo circuíto de autos de radio control, que poden acadar os 70 km/h”, destacou o coordinador de Pazolandia, José Domarco.

Asemade, o coordinador de Pazolandia explicou que outra das novidades deste ano é unha pantalla de vídeo no pavillón principal, na que se poderán visualizar as actividades que se vaian realizando.

En total Pazolandia ocupa unha superficie de 8.000 metros cadrados nos diferentes espazos do pavillón de deportes e nos exteriores da instalación. Na actividade traballan sobre 80 persoas, entre persoas das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, taquilleiros, Cruz Vermella, médicos, vixilantes e persoal administrativo.

 

Artigos relacionados

Back to top button