
Comezou como quen non quere a cousa e vai xa pola terceira edición. Vilamartín de Valdeorras acollerá, de novo no mes de xullo, o III Campus Multideportivo Feminino.
Promovido e coordinado por Isabel Vázquez, (xogadora de fútbol sala e fútbol, graduada en INEF cos niveis I, II e III de adestradora) e cun equipo de adestradoras tituladas e monitores de ocio e tempo libre, o campus mantén o esquema da anterior edición e celebrarase en dúas quendas. A primeira do 16 ao 21 de xullo e a segunda do 21 ao 27, mantendo o aloxamento no Albergue Municipal, aínda que as actividades desenvolveranse noutras instalacións como o campo de fútbol, o pavillón, a pista multideportiva, a pista de pádel e tenis, as piscinas municipais ou a sala de audiovisuais, todo no Complexo “O Bañadoiro”.
O campus está baseado en modelos pedagóxicos actuais. “O noso programa céntrase no desenvolvemento integral das participantes”, di Isabel, destacando que todas as actividades están deseñadadas baixo o mesmo método, “sendo unha prioridade que estas sexan dinámicas e entretidas, para alcanzar unha aprendizaxe activa, social e creativa”, co obxectivo de “aprender desfrutando, reforzando as amistades e o traballo en equipo, crecer en autonomía e valores, e desenvolver as destrezas necesarias”.

As modalidades deportivas que se plantexan son vólei, beisbol, pádel, tenis, fútbol, baloncesto, tenis de mesa, bádminton, zumba, tiro con arco, floorball, kárate, atletismo e escalada, pero o campus vai moito máis aló cun sinfín de actividades: carreira de obstáculos; Bubble Football, Grand Prix e Humor Amarillo; piscina e actividades acuáticas como acuagym, watervoley, xincanas, relevos,…; xogos de mesa (VilaPalabra, Cluedo…) e torneos deportivos (Mundialito de Globos, Ocio Queens League…), Túnel do Terror, Escape Room, Festa da Escuma, Paintball e Hogwarts Adventure; talleres de traballo, nutrición e psicoloxía deportiva e adestramento; xogos e actividades de ocio e tempo libre; excursións a Madrid (Aquopolis + estadio de fútbol de 1º nivel) e Porto (Estadio doDragão + Amarante); sendeirismo e carreiras de orientación e carreiras de cores con polvos holi; veladas nocturnas e ata seguridade viaria con karts, moitas delas como novidade con respecto ao ano pasado.
Un ano máis o campus conta coa colaboración do Concello de Vilamartín de Valdeorras, do CD Barco e de Ocio y Deportes Valdeorras.
As inscricións, para un máximo de 42 persoas por quenda, xa están abertas. Formulario Inscripción.