OurenseÚltima hora

Pazolandia recibiu este Nadal 24.000 visitantes de toda a provincia

Do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, o parque instalado no Paco Paz (Ourense) recibiu a visita diaria de preto de 2.700 persoas

Manuel Baltar na presentación de Pazolandia.

 

Pazolandia, o parque de atraccións de Nadal promovido pola Deputación de Ourense, recibiu 24.000 visitantes de toda a provincia no seu regreso ao pavillón de deportes Paco Paz. Un dato que para os organizadores supón todo un éxito nesta 26 edición, reflectindo a expectación do público ante o regreso do “maior parque de ocio de Galicia” logo de dous anos de ausencia como consecuencia das restricións impostas pola pandemia.

Do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, Pazolandia recibiu a visita diaria de preto de 2.700 persoas, agás o primeiro día do ano debido a que tan só estaba programada a sesión de tarde. Tamén destaca a presenza de 3.000 rapazas e rapaces que desfrutaron das atraccións instaladas no Paco Paz grazas á visita programada de 60 concellos. Entre outros datos que destaca a organización cómpre citar a adquisición de entradas a través do portelo electrónico, con varias xornadas nas que se venderon a través deste medio case que 2.000 billetes diarios.

Durante os nove días de actividade de Pazolandia, distribuídos en 16 sesións, o público infantil e xuvenil puido gozar dunha programación de ocio e diversión que, xunto ás habituais atraccións interiores e exteriores, incluíu na presente edición varias novidades, entre elas o particular protagonismo das tecnoloxías cunha zona de simuladores de movemento e realidade virtual, ademais da rede wifi en todo o recinto.

O popular xogo Escape Room, a zona “Peque-Nenos” para menores de ata 3 anos e maila atracción de gran tamaño “O Barco Pirata”, situada no exterior do pavillón, foron outras das incorporacións ao parque de Nadal da Deputación que este ano tamén estivo de estrea coa súa nova mascota Pacito.

Artigos relacionados

Back to top button