CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Pedro Basalo: “Se realmente queremos revalorizar a tradición das comparsas, deben quedarse nas aldeas”

Este investigador vianés falaba desta tradición nas II Xornadas do Entrudio, celebradas na tarde deste sábado 7 de decembro

 

Non son tan coñecidas como os fulións ou os Boteiros, pero as comparsas e as disputas constitúen unha das manifestacións máis senlleiras do Entrudio de Viana do Bolo. Así o demostraba na tarde do 7 de decembro o investigador e membro da Asociación Robreda, Pedro Basalo, no decurso das “II Xornadas do Entrudio” na Casa da Cultura vianesa.

Coa súa ponencia pretendía “sistematizar todo o coñecemento que levamos recollido dende o grupo de traballo do Entrudio de Viana, e agora tamén dende a Asociación Robreda, sobre as comparsas e as disputas”, explicaba ao inicio da súa intervención, que estaba estruturada en catro partes.

Na primeira delas expoñía os criterios que segue a súa investigación, na que se parte das propias palabras referidas a esta celebración de inverno, gardando as variedades locais (fulión, fuliada, paiaso, Entrudio…) “porque eses matices diferencian á nosa tradición doutras. Eu entendo que o Entroido sería todo o que hai na Galicia rural, pero no Entrudio realmente estamos falando de nós, da zona de Viana, de Vilariño, Manzaneda… da parte onde existen os fulións e as fuliadas“.

En segundo lugar, referíase á importancia do contexto e de diferenciar ao Boteiro do Home das esquilas ou esquileiro. “Comparten o traxe por unha serie de manifestacións e de mesturas que se deron na vila pero pertencen a dous ámbito distintos”. E finalmente aludía a que o seu traballo está baseado fundamentalmente en información recollida da xente, xa que na bibliografía “apenas hai referencias sobre as comparsas”.

Basalo centrábase despois nas comparsas, ás que definía como unhas “comitivas de mozos de entre 15 e 30 anos, que saían polas aldeas nos días do Entrudio con dúas funcións: representar un teatro e aportar música neses días”. Matizaba o tempo no que funcionaban (de Xoves de Lardeira a Martes de Entrudio), o seu espazo (a zona leste e surleste do concello de Viana do Bolo) e os seus personaxes, así como a súa dinámica. E logo afondaba nunha das súas principais funcións: as disputas, detallando as súas diferentes partes.

 

Pedro Basalo, nun dos momentos da súa conferencia.

 

FInalizaba cunha serie de recapitulacións nas que mencionaba o aproveitamento das habilidades e dos recursos  que se facía nesta manifestación carnavalesca, así como a rivalidade sa que existía entre as comparsas das diferentes aldeas. E, malia que existían unhas pautas fixas, tiñan tamén flexibilidade e, nese senso, desempeñaba un papel clave a improvisación.

“Se queremos revalorizar a tradición das comparsas teñen que quedarse nas aldeas, polo feito de que o pobo entende e valora esa tradición. Saír delas implica desvirtualas, descontextualizalas”, resaltaba Pedro Basalo.

 

Nas xornadas expoñíanse elementos dos Boteiros de Viana e de Fornelos de Filloás, así como das máscaras de Vilarmeao. Foto: Carlos X. Ares.

 

Esta ponencia pechaba unha xornada que se iniciaba ás seis da tarde da man de Jorge Domínguez, presidente da Asociación Fulións Rurais de Viana e tamén da nova Asociación Robreda (cuxo nome recupera unha antiga denominación que recibía este municipio), coa que se persegue “manter vivo o Entrudio e as tradicións”. Ademais tiña unha lembranza especial para Florinda, unha veciña vianesa falecida este 7 de decembro que estaba moi vinculada ao Carnaval e que ensinou a moitas persoas a preparar as fitas de papel das máscaras de Boteiro.

Despois dábase paso á presentación da exposición “Viaxe polo mundo da máscara” da fotógrafa Mercedes Vázquez, que tras un relatorio, facía unha visita guiada pola mostra (instalada na entrada da Casa da Cultura). Nela percorre visualmente as mascaradas dende o tempo de Santos ata o Natal en Portugal e logo continúa cos Reis ourensáns e co Entroido galego.

Fotos: Carlos X. Ares Pérez e Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button