OurenseÚltima hora

Pedro L. Barreiros, novo secretario xeral de CCOO Ourense/Valdeorras

O sindicato celebraba o terceiro congreso desta unión interncomarcal na capital da provincia e nel participaban 65 delegados

 

Pedro L. Barreiros, novo secretario xeral de CCOO na provincia de Ourense.

“Traballo, Dereitos e Dignidade”. Era o lema baixo o que se desenvolvía o IIIº Congreso da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense/Valdeorras o 9 de marzo na capital da provincia. Del saía a nova comisión executiva que dirixirá a este sindicato na provincia nos vindeiros catro anos. Á súa fronte estará, por vez primeira, Pedro L. Barreiros.

“Coa elección da nova comisión executiva de CCOO”, declaraba Barreiros, “produciuse unha potente e ilusionante renovación, tanto xeneracional, como de novas persoas incorporadas ao equipo, no que tan só repiten da executiva saínte, Lola Panero (organicación) e Benxamín Vences (comunicación). O equipo elixido é de renovación, xove, e conforma un proxecto colectivo e participativo, no que teremos que afrontar o reto da defensa e recuperación dos dereitos da clase traballadora e dos servizos públicos, especialmente nunha provincia coma a de Ourense, cuns índices de desemprego moi elevados, cunha precariedade laboral que xa se podemos considerar estrutural e, cunha situación demográfica, crítica”.

 

Nova dirección provincial de CCOO en Ourense.

 

Dos 75 delegadas/os (elixidos entre a afiliación das distintas federacións e sectores produtivos que conforman o mundo do traballo do sindicato en Ourense) que estaban convocados ao congreso, asistían finalmente 65. Foron eles os que escollían tanto ao novo Secretario Xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense-Valdeorras, Pedro Barreiros González, como ao seu novo equipo, conformado por: Lola Panero (Federación de Servizos á Cidadanía), Pablo Estévez Oreiro (Federación de Industria), Iria Yáñez (Federación de Ensino), Jonathan González (Federación de Industria), Benxamín Vences (Federación de Servizos á Cidadanía) e Patricia Carid (Federación de Industria).

Pedro Barreiros, sucede no cargo a Ana Isabel Barrios López, veterana sindicalista que ocupou a Secretaría Xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense-Valdeorras durante os últimos oito anos.

No mesmo Congreso elixiuse aos 12 delegados e delegadas que representarán a Ourense no XIº Congreso do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, que se celebrará os vindeiros 18 e 19 de maio en Santiago de Compostela. Así mesmo, no transcurso do acto congresual e CCOO de Ourense, algunhas delegacións presentaron cinco propostas de resolucións sobre cuestións sociolaborais de actualidade que, o plenario  aprobaba por unanimidade.

Artigos relacionados

Back to top button