
Falan dun saber técnico, social e cultural, transmitido en moitos casos por mulleres e enmarcado na vida cotiá dunha sociedade. Feitas con cerámica e datadas entre finais do século IV e comezos do século V d. C., as pesas de tear atopadas no conxunto arqueolóxico-natural de Santomé Santomé, en Ourense, revelan “unha tradición de longa duración que entrelaza unha manufactura artesá estendida dende a Prehistoria ata a Galicia moderna”.
Así o aseguran Celtia Rodríguez González, Andrea Mouriño Shick e Ana Delia Jiménez González, na publicación sobre este material arqueolóxico que vén de ser escollido como Peza do Mes de Marzo no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A cargo destas investigadoras correrá a presentación prevista para este mércores 11 de marzo, ás 20:00h. na sala de exposicións «Escolma de escultura» de San Francisco.
Estas 5 pesas formaban parte dun tear vertical. Teñen forma “troncopiramidal e alongada, con sección cadrada redondeada e pastas en tons laranxas, amarelos e cinsentos, resultado de diferentes maneiras de expoñer as pastas á cocción das pezas. Tres delas conservan a forma completa, mentres que as outras dúas corresponden a fragmentos da parte inferior. Algunhas amosan marcas incisas na parte superior, cunha posible letra «R» ou «S» invertida, e unha aspa gravada, testemuño da identificación ou control do traballo das pezas”, din estas estudosas das pezas.
Saían á luz nun nivel de terra escura e compacta, situado baixo unha derruba de tégulas que formaba parte das cubetas da ladeira sur do xacemento. Eran atopadas durante a última campaña levada a cabo por Breogán Arqueoloxía, coa dirección en campo de Eduardo Breogán Nieto, e a dirección científica de Xulio Rodríguez, Manuel Xusto e Avelino Rodríguez, e financiada por la Xunta de Galicia.
“Os pondus ou pesas de tear constitúen unha das poucas evidencias materiais que nos permiten aproximarnos ás tarefas de mantemento e produción doméstica, actividades esenciais na economía campesiña e o fogar durante a transición á Alta Idade Media. Xunto a elas, tamén se documentaron fusaiolas, pequenas pezas discoides empregadas como contrapesos dos fusos para fiar, que evidencian que o fiado manual era unha práctica habitual en contextos domésticos”, indican as investigadoras.