ConcellosÚltima hora

Plan de autoprotección para o Entroido no Concello de Verín

Publicidade
O operativo reforzará a seguridade con máis de 120 voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella
A concelleira responsable da área de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil do Concello de Verín, Cándida Couñago.

O Concello de Verín vén de presentar o seu plan de autoprotección para o Entroido 2017, elaborado “seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá está a desenvolver nos últimos anos, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños como os visitantes poidan gozar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física”, en palabras da concelleira responsable da área de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Cándida Couñago.

Entre as medidas que contempla o plan, está o reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia, tanto de axuda interna (Protección Civil de Verín, A Gudiña e Lobios; Cruz Vermella de Monterrei, Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Axencia Galega de Emerxencias), coma externa (Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín e 061). Como novidade, este ano haberá un aumento de efectivos de Protección Civil e Cruz Vermella, cun total de 120 voluntarios.

Ademais poranse en marcha catro grandes dispositivos de seguridade no desfile infantil, nos desfiles do Domingo e Martes de Entroido, o Xoves de Comadres e o Sábado de Entroido.

Como parte da implantación do plan de autoprotección do Entroido de Verín 2017 realizouse un programa de información xeral ao público con diferentes actividades preventivas como a inclusión de consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón e das zonas de aparcamento libre gratuíto, no tríptico e no libro do Entroido; ou a instalación na praza García Barbón de carteis informativos coas súas vías de evacuación.

Debido ao incremento de persoas e de vehículos nos días centrais do Entroido, dende o Concello intentan desenvolver unha “folla de ruta que logre unha mobilidade sostible para mellorar a calidade de vida no medio urbano”. O aumento da seguridade vial, diminución da contaminación e do tráfico son algúns dos obxectivos que ten devandito plan. Para conseguilo, o ente municipal recomenda aos veciños así como aos visitantes “que intenten reducir a utilización do vehículo privado e accedana ao centro da vila a pé”.

Como novidade, este ano o plan de mobilidade conta tamén coas cinco novas zonas de aparcadoiro libre gratuíto recentemente implementadas en puntos estratéxicos da vila para alixeirar a presión do tránsito viario no centro de Verín: zona Ambulatorio, zona Aduana, zona Mercadona, zona Avda. Castilla e zona Fontenova.

Artigos relacionados

Back to top button