ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Plantel de luxo e internacional no VII De Perto no Barco

Este ciclo cultural, que aposta pola “palabra contada, rimada e cantada”, desenvolverase do 5 de xuño ao 19 de xullo en diferentes entornos do municipio

Achegar a cultura de xeito diferente a diversos espazos da vila e tamén ao rural barquense. É o obxectivo de De Perto, un ciclo que se basea na “palabra contada, rimada e cantada” e que inclúe música, narración oral e poesía. O seu programa para este verán presentábao no mediodía do 4 de xuño a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, destacando o “plantel de luxo e internacional” desta edición, na que ademais se recuperan as actuacións de grupos locais.

Será precisamente unha formación da vila, o Coro de Voces Brancas da Escola de Música e do Conservatorio do Barco, a que abra o ciclo o vindeiro mércores 5 de xuño ás 20:30h. na igrexa de San Xoán de Éntoma. Dous días despois, o venres 7 de xuño ás 20:30h. actuará o Ensemble de Saxofóns destes mesmos centros de ensino na igrexa de San Miguel de Xagoaza, e xa o 14 de xuño será a quenda do Orfeón Valdeorrés, ás 20:30h. na igrexa de Santa María de Vilanova.

Outro dos eixos de De Perto será a narración oral, apartado no que se contará nesta edición co camerunés Boniface Ofogo, “que se define como un relatador de contos”, matizaba Margarida Pizcueta. A súa actuación está prevista para o venres 21 de xuño ás 20:30h. nos xardíns da Casa Grande de Viloira.  Unha semana despois, o 28 de xuño ás 20:30h. nese mesmo espazo poderá escoitarse a contadora zamorana e cantadora de romances Victoria Gullón. A poesía chegará da man de Yolanda Castaño o 25 de xuño ás 20:30h. novamente nos Xardíns da Casa Grande.

 

 

Versos e contos para comezar o mes de xullo, desta volta con Lois Pérez, o día 3 ás 20:30h. en Viloira. Nos seus xardíns terá ademais lugar o espectáculo de narración oral “De idas y vueltas” do gaditano Momi Ogalla o 10 de xullo ás 20:30h.

O 12 de xullo volverá a música ao De Perto coa Banda da Loba, que dará un concerto o 12 de xullo ás 22:30h. na beira do Sil, no Malecón. O capítulo de narración oral desta edición do ciclo completarase co actor e contador Avelino González o 17 de xullo ás 20:30h. nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. E a derradeira das actuacións do ciclo será a do compositor, instrumentista e cantante brasileiro Fred Martins, o 19 de xullo ás 22:30h. na praza do Castelo da vila do Castro.

“Noites de cine” e bailes

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, tamén presentaba a programación de cinema de verán ao aire libre que terá lugar todos os xoves do 4 de xullo ao 15 de agosto ás 22:45h. con títulos como “Bohemian Rhapsody”, “Canta” ou “Campeones”. Por outra banda, dende o 29 de xullo (e ata o 1 de setembro) haberá baile cada domingo na praza Maior dende as 20h.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button