CulturaCulturaÚltima hora

A poeta Chus Pato, Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades

O xurado resalta o traballo desta autora ourensá “recoñecido máis alá das nosas fronteiras”
A poeta Chus Pato, lendo o seu discurso de ingreso na RAG, no IES Otero Pedrayo de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Está considerada unha das figuras máis relevantes e vangardistas da poesía galega actual. En setembro do pasado ano, a poeta ourensá Chus Pato lía no IES Otero Pedrayo na cidade das Burgas o seu discurso de ingreso como nova académica da Real Academia Galega (RAG). Agora, meses despois vén de ser distinguida cun galardón na súa terra: o 12º Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades.

O xurado deste galardón acordaba por unanimidade concederlle este recoñecemento a esta profesora de Ensino Secundario, feminista e escritora. No seu fallo subliña que o traballo de Chus Pato “é recoñecido máis alá das nosas fronteiras, sendo traducida a súa poesía ao español, ao inglés, ao portugués, ao serbio, ao polaco, ao alemán, ao italiano, e ao árabe, entre outros, polo que a súa presencia está en todas as antoloxías internacionais”, segundo recolle a acta.

O xurado, que se reunía na mañá do 23 de febreiro na Concellería de Igualdade, estaba formado nesta edición por: Mª Sofía Godoy Gómez-Franqueira, concelleira de Igualdade; Mª Elena de Jesús Rodríguez, directora do CIMM; Mª Elena Paz Álvarez, en representación do Consello Municipal de Igualdade; Mª Luísa Rodríguez Arias, en representación da Comisión de investigación e seguemento da violencia exercida contra as mulleres; Mª Luz Villar Otón, escritora e dramaturga, en representación do ámbito sociocultural ourensán; e Mª Jesús Vázquez Fernández, xefa de negociado da Concellería de Igualdade, actuando como secretaria.

Artigos relacionados

Back to top button