En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Policía Local do Barco comeza a patrullar en bicicleta

O Concello vén de presentar as bicicletas que utilizarán os policías municipais para prestar este novo servizo á cidadanía

Para amosar que outro xeito de transporte é posible e ganar en proximidade na atención ao cidadán a Policía Local do Barco vén de comezar a patrullar en bicicleta. Así o explicaban o alcalde do Barco, Alfredo García, e o xefe da Policía Local deste municipio, Arturo Reboller, na rolda de prensa na que presentaban as dúas bicicletas que se utilizarán neste servizo a partires da tarde do 14 de xullo.

“O obxectivo é concienciar á poboación de que probablemente unha porcentaxe moi alta dos coches que circulan polas rúas do Barco non é necesario que o fagan, poden usarse outros medios como ir en bicicleta ou andar. Entón buscamos esa concienciación da xente, xa que ademais de moito máis saudable, medioambientalmente é moito máis eficiente”, destacaba o alcalde barquense.

Xunto a el, Arturo Reboller engadía que a iniciativa de patrullar en bicicleta partía dos propios policías que “vían que era unha forma de estar máis próximo ao cidadán. Cando pasas polos sitios en coche o cidadán vete un pouco máis inaccesible, pero se vas a pé ou en bici, pódente parar e preguntar. Estamos máis preto da xente”.

Este tipo de servizo é voluntario para os policías e comezarán prestándoo un total de 7 policías municipais do Barco. Con el incidirase especialmente en zonas como o Paseo do Malecón. O custe das bicicletas e do equipamento que as acompaña foi asumido polo Concello do Barco.

Fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button