EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ponse en marcha a 60º Feira do Viño do Ribeiro, na Alameda de Ribadavia

 

Cun pregón a cargo de Juan Antonio Bande, Juanan, poñíase en marcha esta tarde a 60ª Feira do Viño do Ribeiro, que recupera o seu formato habitual que se viña desenvolvendo na alameda de Ribadavia. No evento, que se celebrará nesta fin de semana, contarán con caseta propia un total de 35 adegas desta denominación de orixe.

No marco da exaltación e degustación destacan os obradoiros de cociña e as catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de recoñecido prestixio, o autobús turístico RibeiroBUS, a cata popular, ou a zona gastronómica. Tamén haberá actuacións musicais e visitas guiadas ao Castelo e ao Museo do Viño de Galicia, entre outras actividades.

O acto inaugural contaba coa asistencia do conselleiro do Medio Rural, José González, quen puxo en valor tres aspectos fundamentais que distinguen esta denominación de orixe e que fixo extensivos a todo o sector vitivinícola galego, como claves para o seu futuro. Así, estas tres referencias serían a aposta polas variedades autóctonas, pola recuperación de zonas históricas de viñedo e, de xeito destacado, pola calidade.

En relación co primeiro fundamento -a aposta polas variedades autóctonas-, José González destacou a Treixadura como variedade que lidera esta aposta e que marcan a fórmula que nos permite, en definitiva, triunfar no mercado, no caso da DO Ribeiro.

Sobre a recuperación de zonas históricas de viñedo, o titular de Medio Rural vinculouna coa aposta que tamén sostén hoxe a Xunta a través dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste sentido, mencionou os polígonos agroforestais como instrumentos que permiten recuperar grandes superficies en comarcas como a do Ribeiro. Puxo de exemplo as arredor de 150 hectáreas implicadas no polígono de Barzamedelle, en Leiro, no que se están a realizar traballos de roza e posta a punto; así como a próxima declaración do polígono agroforestal de Prado, en Castrelo de Miño, de máis de 50 hectáreas.

 

 

Por último, José González fixo referencia á aposta pola calidade como elemento clave non só para a DO Ribeiro, senón para todos os viños galegos. Unha aposta que -dixo- ten que vir acompañada de valor engadido para converter o viño no elemento central para a dinamización do territorio das comarcas vitivinícolas. Ese valor, engadiu, debe chegar a todos os elos da cadea produtiva, non só ás adegas senón tamén aos viticultores, para garantir a remuda xeracional no sector. Precisamente este concepto vai na liña do que persegue a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta en colaboración con todo o sector.

Cabe destacar que a DO Ribeiro se define por empregar variedades autóctonas tradicionais (Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao, Sousón) que dotan os viños dunha gran personalidade e dunha serie de combinacións de aromas afroitados e florais.

Neste acto inaugural o conselleiro estaba acompañado pola alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez; polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e polo presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares, entre outras autoridades.

Artigos relacionados

Back to top button