OurenseÚltima hora

Ponse en marcha a campaña de bonos de 100 euros para incentivar o consumo no comercio e na hostalaría da cidade de Ourense

Presentación do bono de 100 para incentivar a economía na cidade de Ourense.

 

Na mañá deste luns 3 de abril o salón de plenos do Concello de Ourense acollía a presentación da campaña de bonos de 100 euros para incentivar o consumo no comercio e na hostalaría da cidade, na que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o presidente da Federación de Empresarios de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández Ojea, e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, que colaboraron no proceso deste proxecto posto en marcha polo Concello.

“Este é un proxecto realmente de toda a cidade de Ourense”, asegurou o alcalde agradecendo o apoio de todas as entidades colaboradoras e de todos os grupos políticos nesta iniciativa que ten como obxectivo “volver meter a xente nos comercios”. Pérez Jácome destacou a importancia de apoiar o comercio e a hostalaría: “hoxe en día ser empresario local é ser un heroe. Xóganse a súa economía todos os días ofrecendo o seu produto. Sométense a eleccións cada día porque se someten ao beneplácito do cliente. Cada vez é máis difícil, e é fundamental que os negocios estean abertos en Ourense porque iso non só é economía, é vida. Son os nosos heroes e temos que axudalos”, dixo.

O Concello de Ourense facilitaralles un bono de 100 euros á totalidade de persoas empadroadas na cidade, que destinará a consumir no comercio e na hostalaría da cidade Veciñas e veciños poderán solicitalos desde o día 10 de abril até o 10 de maio. Poderán facelo en liña, a través da páxina web do Concello, utilizando un ordenador, teléfono móbil ou tableta para descargar o seu bono. Tamén de forma presencial, solicitando cita no Concello para retiralo impreso. Non é imprescindible facelo nos primeiros días, xa que “hai bonos para toda a poboación”, dado o montante económico da convocatoria.

O bono, asegurou o alcalde, será “tremendamente fácil de consumir”, xa que “non está condicionado”: funciona como un moedeiro e pódese gastar todo nunha soa compra ou en varias. Tamén será posible utilizar os bonos de varias persoas nunha mesma compra comercial ou consumición de hostalaría.

Pérez Jácome asegurou que o de hoxe é “un día de ledicia para Ourense, porque presentamos un bono que dá o Concello, con todos os grupos municipais, que pode marcar un antes e un despois”, xa que, no futuro podería “converterse nun clásico e manterse cunha cantidade máis pequena”.

O presidente da Federación de Empresarios de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández Ojea agradeceu a iniciativa de apoio aos sectores de comercio e hostalaría: “actos así incentivan o ánimo dos ourensáns”, e asegurou que “Ourense está nun momento clave”, ao tempo que destacaba a importancia da “sinerxía que se produce” entre os sectores do comercio e a hostalaría local, que xeran emprego nunha porcentaxe dun 11-12% do produto interior bruto.

Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio de Ourense, agradeceu tamén esta iniciativa do Concello: “actividades como estas van potenciar moito o consumo no pequeno comercio”, dixo. “Temos unha realidade palpable desde hai anos, sobre todo despois da pandemia, que é o aumento da venda online, e isto é preocupante para o pequeno comercio. Desde a Federación defendemos o comercio físico: as portas teñen que seguir abertas, son un elemento fundamental nas cidades”, asegurou. “Este bono está chamando a atención de políticos e cidadáns doutras provincias, e agora o que queda é sacarlle o máximo proveito para o comerciante e para o consumidor”.

 

Artigos relacionados

Back to top button