EconomíaEconomíaÚltima hora

Ponse en marcha no comercio ourensán a segunda edición da campaña “Días Azuis”

Desenvolverase entre o 7 e o 21 de maio e destinará máis de 4.000 euros a premios para estimular as vendas nos establecementos de proximidade da provincia
A directora xeral de Comercio, no acto de presentación da campaña na CEO.

Visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade. Con esta finalidade vén de poñerse en marcha a segunda edición da campaña “Días azuis do comercio galego”, organizada pola Federación Galega de Comercio, Abanca e a Xunta de Galicia.

No marco desta iniciativa, que se desenvolverá entre os días 7 e 21 de maio na provincia de Ourense, os clientes dos comercios que realicen as súas compras entre estas dúas datas poderán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que a rexistre o propio comerciante. Isto permitiralles entrar no sorteo de 16.200 euros (4.000 por provincia) en 80 tarxetas prepago: 28 de 300 euros (sete tarxetas por provincia) e 52 de 150 euros (13 tarxetas por provincia), que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 25 de maio.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participaba na mañá do 8 de maio na presentación desta campaña na sede da CEO, na cidade de Ourense. Tamén asistían a este acto o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; a presidenta dos comerciantes ourensáns, Beatriz Gómez; o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, xunto con outros representantes do comercio ourensán.

 

Os asistentes á presentación posando co material promocional desta campaña.

 

José María Seijas aseguraba que “o comercio vístese de azul durante esta campaña, identificándose cun círculo azul grande, imaxe da iniciativa, e outros elementos corporativos. Ademais, búscase promover o emprego das novas tecnoloxías, tanto polos consumidores como por parte dos comerciantes”.

Esta iniciativa, que o pasado ano sumou un total de 70.000 tíckets, enmárcase no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia que a Xunta está a desenvolver para reforzar este sector e que contempla un total de 55 accións específicas ata 2020.

Artigos relacionados

Back to top button