En portadaÚltima horaVídeos

Ponse en marcha ‘Valdecash’ un programa de tarxetas regalo para o comercio valdeorrés

Trátase dunha iniciativa de AEVA para fomentar a idea de economía circular, cohesión territorial e apoio mutuo entre comercio e empresas

 

Dende hoxe e ata o 31 de decembro de 2023 estará activo ‘Valdecash’, un programa de tarxetas regalo para o comercio valdeorrés posto en marcha dende AEVA co apoio do Inorde. “É unha especie de moeda local que unicamente será útil nos nosos sectores económicos, que xurde co obxectivo de, ademais ofrecer algo que agasallar, intentar que a compra se faga no noso mercado de proximidade”, explicaba a presidenta da asociación, Araceli Fernández, na presentación realizada na mañá deste xoves 17 de novembro, xunto á xerente, Luisa López.

Araceli engadiu que a maiores quixeron darlle a finalidade de “ser unha solución de agasallo de empresas, obrigando tamén a xerar un dinamismo económico”, dixo, explicando que xa hai adscritas 20 empresas, contando co apoio do Clúster da Pizarra e do Consello Regulador da D.O. Valdeorras para difundir e contar en que consiste o programa cuxa principal finalidade é “mellorar a calidade de vida na comarca” e para iso hai que “impulsar a economía local e por ende a dinamización do comercio e viabilidade dos negocios”.

 

A presidenta de AEVA, Araceli Fernández, na presentación do programa.

 

‘Valdecash’ trata de evocar o concepto de moeda local, para fomentar entre a veciñanza a idea de economía circular, cohesión territorial e apoio mutuo entre comercio e empresas. Para iso, as tarxetas están sendo ofrecidas tamén a empresas e institucións valdeorresas para que consideren o seu uso como regalo ou incentivo navideño para os seus empregados.

Tal como explicaron na presentación, poranse en circulación 2.000 tarxetas regalo de tres cantidades: 20€, 30€ e 50€ que estarán identificadas cun código numerario para facilitar a trazabilidade na súa distribución e un código de barras para o lector do comercio que require ser rexistrado polo comercio no seu sistema. O deseño ten unha cara frontal común na que so cambia o valor da tarxeta, e unha cara posterior con espazo para poñer un selo identificativo, que será de AEVA no caso das tarxetas xenéricas vendidas a empresas, e o de cada comercio que decida vendelas e sumarse á iniciativa.

 

A tarxeta regalo pode ser de 20, 30 ou 50 euros.

 

As tarxetas xenéricas serán xestionadas directamente por AEVA que as venderá ás empresas que desexen empregalas como regalo ou incentivo para o seu persoal (a asociación tamén fará venda directa ao público nas súas oficinas ou en eventos.  Unha porcentaxe das tarxetas entregarase directamente aos comercios interesados para que as personalicen e as empreguen coa súa clientela e só servirán para mercar no negocio que a venda. Os comercios adscritos á campaña estarán identificados por un indicativo no escaparate (vinilo ou cartaz).

Sumarse a ‘Valdecash’ non ten ningún custe. Para estar na rede de negocios nos que vender e gastar as tarxetas tan so hai que cubrir o formulario de adhesión e devolvelo asinado electronicamente a AEVA ou asinado e escaneado. No caso das empresas que queiran adquirir tarxetas xenéricas para o seu persoal poden poñerse en contacto connosco para recoller o pedido e tramitalo.

 

Artigos relacionados

Back to top button