EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Porto Norte anima a Expourense a “exportar” Xantar e Vila Real ofrécese para organizalo

O norte de Portugal, Açores, Parada de Sil e as Confrarías protagonizaron esta segunda xornada do Salón Internacional de Turismo Gastronómico

Porto Norte pomociónase en Xantar como destino gastronómico “de moda e con éxito”. A xornada de hoxe, 1 de febreiro, do Salón Internacional de Turismo Gastronómico estivo dedicada a esta rexión portuguesa. O seu presidente, Melchior Moreira, explicou “o bo momento que vive o turismo en Portugal” e, en especial, Porto Norte. Indicou que durante o 2017 recibiron 7 millóns de turistas e que un 23% deles acudiu atraído pola gastronomía e os viños.

Tras anos apoiando a Xantar e de culminar esta colaboración representando a Portugal como país convidado, a Entidade de Turismo Porto e Norte deu hoxe un paso máis e lanzou a Expourense o guante para “exportar” este proxecto do mesmo xeito que ocorre con Termatalia. Este reto foi lanzado polo presidente de Porto Norte, durante este día dedicado á rexión. É máis, o presidente até apostou porque a sede do primeiro Xantar en Portugal fose en Vila Real, decisión que contou co apoio do propio alcalde desta vila, Rui Santos, tamén presente no acto.

Asemade, hoxe celebrouse o día dedicado a Panamá, país que participou como convidado na última edición, e que quixo seguir involucrado con Xantar. O encargado de representar a este país en Expourense foi o embaixador de Panamá en España, Milton Henríquez, que afirmou que este salón “é xa un evento iberoamericano” e declarou a “intención de participación” de Panamá e de continuar facéndoo na seguinte edición.

Durante esta segunda xornada de Xantar, celebrouse ademais o día dedicado ao Turismo de Açores, á Cámara Municipal de Vila Real, á de Lousada e ao municipio ourensán de Parada de Sil.

Tamén, como é tradición dende hai 14 anos, o xoves celébrase en Xantar o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas. Nesta edición participaron máis de 50 confrarías procedentes de España e Portugal, principalmente, aínda que tamén contou con representantes de Francia, Ecuador e México. Este encontro estivo presidido pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e contou coa presenza dos presidentes das federacións nacionais de confrarías de España, Juan Manuel Garmendia e de Portugal, Olga Carvalheiro. Durante este encontro presentáronse os vindeiros capítulos de cada entidade invitando ao resto de confrarías a participaren nelas.

Hoxe tamén se celebrou o II Workshop de Turismo Gastronómico de Xantar que reuniu en Expourense a 11 turoperadores e axencias de viaxes con representantes de turismo.

 

Artigos relacionados

Back to top button