ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A praza Maior de Viana énchese de moda, beleza e elegancia

Da man de Jorge Álvarez Estilistas, na tarde do 6 de agosto tiña lugar a pasarela “especial noivas”

Non é nada doado resumir catro meses de traballo nunha hora de espectáculo, pero Jorge Álvarez (modelo, estilista e deseñador) foi capaz de conseguilo e unha vez máis sorprendeu ao público do seu pobo, Viana do Bolo, cun fantástico desfile de moda, centrado nos traxes de festa e sobre todo de noiva.

Pasadas as oito da tarde do 6 de agosto, a praza Maior da vila convertíase nunha auténtica pasarela pola que desfilaron modelos profesionais e tamén afeccionadas (entre eles Yago Corbal, ex concursante de “MHYV”) lucindo prendas de tres casas:  Pizpireta do Barco de Valdeorras, Fíos da Rúa e por suposto Jorge Álvarez.

O desfile comezaba con cinco modelos de lencería deseñados polo propio Jorge. Prendas suxerentes e sofisticadas en branco e negro xogando coas transparencias e o encaixe. De seguido tocáballe o turno aos dez modelos que presentou Pizpireta: vestidos longos e tamén curtos, de gasa ou seda, especialmente pensados para grandes ocasións. Pola súa banda, Fíos presentou unha gran variedade de propostas para festa pero tamén máis informais, incluíndo algún pantalón.

O broche ao espectáculo poñíano os dous traxes de noiva que Jorge Álvarez leva tempo preparando e que non deixaron indiferente a ninguén. Inspirados nos anos 20 pero co aire vangardista que caracteriza a este xove modista, o primeiro era un vestido de longa e abultada saia con corpiño de encaixe e brillantes coas costas ao aire; e o segundo un sorprendente mono con grandes hombreiras rematadas con plumas.

O espectáculo estivo amenizado musicalmente por A Gramola e tamén por Xulia, unha xove intérprete do Bolo que tocou unha peza ao violino. Ademais, entre o numeroso público, sorteáronse varios lotes de produtos de beleza por xentileza de Jorge Álvarez Estilistas.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button