CulturaCulturaÚltima hora

Preestrea en Madrid da comedia “Cuñados”, da produtora Portocabo

Un dos momentos da preestrea da película “Cuñados” en Madrid.

 

O cine Callao de Madrid acollía na tarde do martes a preestrea da película “Cuñados”, a comedia integramente rodada en Ourense. Neste acto contábase coa presenza de parte do equipo de filme, entre eles o seu produtor executivo, o valdeorrés Alfonso Blanco, así como algúns dos seus actores.

Tamén acodía o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, así como outras autoridades como o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e a vicepresidenta do goberno, a galega Yolanda Díaz. “É unha honra acreditar o apoio das institucións e os seus representantes a un proxecto que ten como obxectivo promocionar a provincia de Ourense a través das canles do humor e a cultura”, expresou Baltar.

Tamén asistiu á premier Javier Guillén, director xeral da “Vuelta a España”, “un evento que ten contribuído con moita forza a promocionar o noso territorio nos últimos anos, especialmente a Ribeira Sacra; unha alianza co ciclismo que seguirá no futuro”, salientou Baltar.

Cuñados, a primeira longametraxe da produtora galega Portocabo e ópera prima do director Toño López, é unha comedia de enredo que relata as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun disparatado plan. A película chegará ás salas de cine o próximo 9 de abril.

O elenco artístico está integrado, como actores principais, por Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey, xunto coas actrices Eva Fernández, Iolanda Muíños, e María Vázquez. A Deputación de Ourense colabora neste proxecto cinematográfico xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), RTVE, Televisión de Galicia e a Denominación de Orixe Ribeiro.

“Cuñados” ten como escenario a cidade de Ourense e diversos lugares da provincia, ofrecendo ao equipo de rodaxe localizacións ideais para un traballo no que conviven o rural e o urbano, o moderno e o tradicional, ademais da súa gran vida social e cultural. Con este traballo, realizado integramente en galego, Portocabo escolleu de novo Ourense como plató para as súas producións, como así fixo coa serie Vidago Palace emitida na TVG, na RTP e na plataforma HBO.

Esta comedia galega narra as peripecias de Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán), que acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan moito diñeiro. Sabonis atopa a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Pero Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen idea un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, “malo será”.

Artigos relacionados

Back to top button