O Concello de Quiroga ten organizados diversos actos para conmemorar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que este ano están dedicadas ao polígrafo Francisco Fernández del Riego. Como todos os anos, no mediodía do 17 de maio a Casa do Concello acollerá, ás 13h., unha recepción aos colectivos culturais do municipio e a entrega de premios aos gañadores do certame de narración e debuxo Letras Galegas.
Nesta xornada non faltará a música tradicional que virá da man do grupo de gaitas “O Recanto” que actuará diante da casa consistorial unha vez remate a recepción.
Pola tarde, a partir das oito na Casa da Cultura representarase a obra de teatro infantil “Unha de Piratas”, a cargo da Asociación Cultural Os Carballiños. Un espectáculo de cancións, teatro e monicreques no que o protagonista, un neno ao que lle gustan as aventuras, e que descubrirá que o seu maior tesouro son os seus libros e a súa imaxinación. Esta actividade forma parte do programa de dinamización da lectura que ofrecen as bibliotecas públicas, “Ler conta Moito”.