En portadaÚltima hora

Preocupación na Área do PAC de Trives que chega aos 30 positivos de Covid

Manzaneda e Trives duplican as cifras, con 10 casos e 8 casos, respectivamente

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Preocupa o aumento da curva de positivos de Covid-19 na Área do PAC de Trives, que rexistra un total de 30 casos activos de coronavirus, tal e como veñen de comunicar os seus concellos, tras recibir a confirmación do Sergas. Así Manzaneda ten 10 positivos, Trives sobe a 8 e Río mantén 12 positivos.

Deste xeito duplícanse os casos en Manzaneda. “Trátase de dúas unidades familiares distintas, ámbalas dúas xa se encontraban confinadas previamente por ser contacto directo dun positivo”, tal e como indica o Concello de Manzaneda, que apela á “tranquilidade ante o aumento de casos, non considerando de momento necesario adoptar novas medidas”.

Así mesmo indícase que “seguimos en contacto cos sanitarios analizando a situación”. Ademais o Concello desexa “unha pronta recuperación” a todos os afectados, e coma sempre “nós pomos á súa disposición para axudar en todo o que poideran necesitar. Pedimos prudencia e o máximo rigor en manter as medidas preventivas marcadas por Sanidade”.

Tamén se dobran as cifras en Trives, que pasa de 4 a 8 positivos. “De todos eles, 1 non é residente aquí e 2 non teñen o médico neste PAC, pero sí viven en Trives. Todos se atopan xa confinados e xa comenzamos co estudo da cadea de contactos”, segundo informa o Concello da Pobra de Trives.

Dende esta administración local tamén se desexa “unha pronta recuperación a todos os afectados dos tres concellos. Estamos á disposición e contactando cos nosos veciños afectados e cos servizos médicos nestes intres”.

No caso de Río mantéñense as cifras de positivos, cun total de 12.

Artigos relacionados

Back to top button