CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase a 39ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, prevista do 15 ao 23 de xullo

 

Estreas para abrir e pechar a 39ª Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. O programa encetarase coa estrea en Galicia da recoñecida directora arxentina Marina Otero o día 15 de xullo e pechará coa presentación do proxecto gañador do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, O Auto do Castromil, o día 23 de xullo. “Humor, memoria, aposta por compañías novas e emerxentes de altísima calidade e o público como protagonista, centrarán esta nova edición da mostra, que se presentaba este luns coa presenza de diversas autoridades, entre elas o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, e o subdelegado do Goberno en Ourense.

Un elevado número de mulleres creadoras, Gena Baamonde, Alessandra García, Ana Vallés, Eva Redondo, Ana Contreras, Las Huecas, Elahood, Brigitte Vasallo ou A Panadaría (a quen se lle adica un foco especial polo seu 10º aniversario) protagonizan esta edición de 2023. Haberá ademais moitas novidades nas actividades complementarias, coma un servizo de conciliación, novo merchandising con selo de calidade local e realizado en exclusiva para a MIT, formación, premios, presentacións, etc. Tamén unhas Xornadas sobre a Historia do teatro galego e a memoria da Transición en colaboración co Consello da Cultura Galega, un proxecto audiovisual dirixido por Tito Asorey.

Unha clara aposta pola diversidade e polos valores emerxentes, así se presenta unha MIT que reúne máis de vinte espectáculos e varias actividades escénicas complementarias arredor do lema “memoria, cohesión e innovación”, di a organización, “querer descubrir as creacións da xente moza do panorama estatal, moitas delas recoñecidas con premios revelación e de novos talentos, ese é o espírito dunha MIT que tamén mira para aquela mocidade de Abrente que con valentía e ilusión afrontou un movemento revolucionario e inaugural para a cultura galega contemporánea”.

O primeiro obxectivo da organización é “afianzar a posición internacional, coa presentación do espectáculo da arxentina Marina Otero. Na súa xira europea de verán, ademais de Viena, París, Berlín e Dinamarca, tamén situarán o nome de Galicia, grazas á apertura desta 39ª MIT. Premio do público 2021 do ZKB – Theater Spektakel de Zúrich, por primeira vez Otero non aparece en solitario no escenario nun acto consciente de narcisismo. Agora dá ordes a uns corpos masculinos para indagar no paso do tempo e as marcas que este deixa nos corpos. Un espectáculo entre a ficción e o documental, entre a danza e a performance, entre o accidente e a representación. Un impactante traballo escénico que será un dos fitos da tempada escénica en Galicia”.

No ámbito estatal e na liña das estreas en Galicia de referentes da creación contemporánea, está o nome de Alessandra García. Mujer en cinta de correr sobre fondo negro é unha peza escénica que funciona como radiografía da persoa de barrio humilde. Con música, humor e varios obxectos nun espazo lúdico, reflexiona sobre a súper produción téxtil, o capitalismo, o entretemento, a cultura, os idiomas, o alcume e o sector servizos. Pero, sobre todo, é unha historia de risa e pensamento. Recibiu varios premios, como o Ojo Crítico de RNE, o de mellor actirz nos premios Ateneo o Max Revelación en 2022. Un fenómeno desatado dende a súa Málaga natal, moi presente na construción da peza, igual cá consciencia de clase.

E como é característico, a MIT é ese festival de intercambio, convivencia e presentación da mellor creación internacional, do Estado, pero por suposto tamén de Galicia. Son varias as creacións galegas en estrea, coprodución ou colaboración. Destacamos a estrea do espectáculo O Auto do Castromil, dirixida por Quico Cadaval e que supón o terceiro proxecto convocado pola Fundación Manuel María, coa que a MIT asinou o ano pasado un convenio de colaboración para acompañar e presentar os espectáculos gañadores deste ilusionante certame. A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego. Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve erguer a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos máis armas cás do humor e o espírito antroidesco. O auto do Castromil é unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente. Un traballo protagonizado por Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez.

Outro dos puntos fortes desta edición será a ollada especial que a MIT quere ofrecer a unha das grandes compañías emerxentes do teatro galego. “A Panadaría celebra 10 anos cunha excelente proxección e perspectiva, teatro popular e feminista, festivo e reivindicativo. Un fito será a representación nunha igrexa dun matrimonio lésbico co que conseguiron feixes de premios e recoñecementos. A derradeira función de Elisa e Marcela terá lugar na Igrexa da Madalena e será moi especial”, indican os organizadores da mostra. Por outro lado, no Castelo, ofrecerán As que limpan, o espectáculo triunfador da edición dos Premios María Casares do teatro galego deste ano, unha obra que aborda a precariedade e os abusos das mulleres limpadoras de pisos e os usos e abusos do poder que exercen os empresarios da industria turística dos hoteis. Haberá sorpresas de aniversario e festa reivindicativa asegurada.

 

 

Moitas vertentes da comedia ou do humor estarán presentes nesta edición da MIT. Pero un humor profundo, intelixente, crítico. Na escolla e aposta que a Dirección Artística quere destacar para a experiencia desta edición, ademais das creacións emerxentes tamén está o rol do público e o seu protagonismo. Non só falamos de espectáculos onde o público vota e decide o progresión da peza, como no caso do espectáculo If, la ligereza, senón tamén a participación festiva, na celebración da vida e da elocuencia da realidade ou da excitación corporal, como en Fráxil, Handle with care, de Matarile Teatro (en coprodución co Teatro Español e o CDG), que adaptará a súa fusión de expresión visual, sonora, circense, clownesca e filosófica arredor da idea de vulnerabilidade no escenario do Castelo. A MIT, en palabras do seu Director, Roberto Pascual, “quere trasladar esa mensaxe clara da relevancia do público, da integración e convivencia da diversidade de públicos nun ámbito de descubrimento, divertimento festivo e intercambio de ideas e pareceres”.

Na rúa e nos espazos exteriores das parroquias da capital do Ribeiro tamén existe unha programación con pequenas e grandes xoias. Espectáculos de danza (Elahood, o espectáculo sobre o tema das migracións da valenciana Maduixa ou Colectivo Glovo), de novo circo (Kanbahiota ou a moi recoñecida compañía italiana Dúo Kaos coa peza Time to loop, en San Cristovo o día 18 de xullo) ou aqueles máis cercanos á narración oral, coma A parábola do angazo, coa que celebraremos tamén os 35 anos do aniversario da creación da compañía galega Talía Teatro na Franqueirán.

Recupera a MIT as sesións golfas, porque a noite é alegre e expandida nas fin de semana do verán e presta estar ao fresco con espectáculos lúdicos e atractivos, dende o clown ata a comedia musical. Ademais haberá actividades complementarias de grande interese e repercusión, como as Xornadas de teatro e memoria da Transición, en colaboración co Consello da Cultura Galega, obradoiros de formación en colaboración coa Escola Galega de Clown e coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (co intérprete portugués, membro da compañía Cirque du Soleil, Rui Paixão ou coa dramaturga, directora e actriz Eva Redondo). Residencias artísticas, presentacións, premios, unha actividade de animación teatral exclusivamente preparada para esta edición da MIT 2023 e centrada na memoria do teatro galego recente por parte da compañía Os Quinquilláns e demais ofertas, detállanse no programa, que se pode consultar integramente na web do festival: www.mitribadavia.gal

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia. Este ano 2023 recibiu un novo recoñecmento ao seu labor co Premio Rodolfo Prada de Xestión Cultural.

Artigos relacionados

Back to top button