A Fundación Florencio Delgado Gurriarán (FFDG) nacía coa vocación de “liderar unha acción cultural de comarca e por iso, ademais da cooperación cos municipios, está a crear grupos de traballo específicos de cada disciplina abertos á incorporación da cidadanía, poñendo en marcha unha serie de comisións”. Así o explicaba Aurelio Blanco Trincado, patrón da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, na presentación da programación cultural da FFDG para este 2025.
Na rolda de prensa, que tiña lugar na Biblioteca Pública Municipal da Rúa, Blanco Trincado destacaba o feito de que a Fundación é unha entidade na que “consideramos que o diálogo é fundamental para desenvolver un traballo eficiente, polo que queremos abrir as portas a todas aquelas persoas que estén interesadas en aportar tempo e ideas ao proxecto”. De momento está constituída a comisión de Lingua que está a marcar as liñas do Diccionario Valdeorrés; e a de Didáctica, en contacto cos centros da comarca. “Proximamente poremos en marcha as comisións de Literatura, de Historia, de Territorio e de Artes”, adiantou.
Con respecto á programación cultural prevista para este 2025, é variada e desenvolverase en diferentes concellos da comarca. A primeira, unha xornada adicada á fala valdeorresa, será precisamente na Rúa o vindeiro 29 de marzo. “A cita comezará ás 11:30 horas no Centro Cultural Avenida onde se presentarán as palestras incluídas baixo o título ‘A fala valdeorresa e do Bierzo’ a cargo das filólogas e investigadoras, Noelia Estévez Rionegro natural da Rúa e que falará do seu traballo ‘Fraseoloxía do noroeste de Valdeoras”; e Sara Rodríguez Fernández, natural de Carracedelo e autora do Diccionario do Galego no Bierzo”, explicaba Ana F. Vizcaya, representante do Concello da Rúa na FFDG.
Nese mesmo acto presentarase a plataforma en liña do Diccionario Valdeorrés no que a Fundación leva meses traballando e conta coa axuda específica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e incluirá, de 13 a 14:30 horas, a visita a unha adega e cova tradicional na zona do Porto da Costa en Vilela para facer unha inmersión no léxico do viño. “Para esta parte da actividade, se ben é gratuíta, é preciso inscribirse na web da Fundación“, puntualizaba Ana.
Ao longo do ano completarase a programación cunha serie de xornadas culturais con conferencia e visitas adicadas á lingua e tamén ao Ano de Castelao. Tamén se celebrará a VI edición do Premio de Poesía que será convocado en abril “e seguirá as mesmas liñas de deseño doutras edicións coa celebración dunha gala de entrega de premios”, explicou Miguel Bautista, presente na rolda de prensa como patrón da FFDG, engadindo a “Florenciada en Córgomo como celebración popular do Día das Letras Galegas”; as noites de teatro no verán que “intentarán recuperar a tradición de encontros de teatro afeccionado”; e encontros educativos con centros de Primaria “nos que se intentará poñer en valor os distintos puntos da comarca e a súa historia”, explicou Bautista, destacando que como veñen facendo nos últimos anos “as actividades da Fundación seguirán percorrendo distintos puntos da comarca para dar a coñecer o seu patrimonio, historia e paisaxe”.
Na presentación tamén estaba Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco; María Carmen Álvarez Fernández, concelleira da Rúa; e María G. Albert, alcaldesa da Rúa, quen destacou o labor cultural da Fundación convidando á poboación a tomar parte das actividades.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.