ConcellosÚltima horaVídeos

A Rúa acollerá este venres a presentación en Galicia do espectáculo de Queiman e Pousa sobre o Camiño de Santiago

"Camiño Máxico no Pico Sacro" desenvolverase pola noite na praza Enriqueta Casanova de Fontei a partir das 21 horas

 

A piques de rematar unha intensa tempada estival A Rúa pechará a programación festiva e cultural cunha estrea. Co patrocinio de Turismo de Galicia, este venres 20 de setembro, terá lugar na praza de Fontei a estrea do último espectáculo de Queiman e Pousa “Camiño Máxico no Pico Sacro”.

Así o adiantaban esta mañá en rolda de prensa a alcaldesa da Rúa María G. Albert e o concelleiro José Vicente Solarat, na presentación da programación para o último trimestre do ano, destacando a gran importancia que dende o Concello lle están dando ao apartado cultural “un dos elementos necesario e fundamental para un concello das características do noso, xa que é un investimento para o futuro para A Rúa polo que intentamos ofrecer unha programación o máis ampla posible e para o maior público dentro das nosas posibilidades”, dixo a rexedora.

 

 

Solarat era o encargado de presentar a programación en si, destacando os actos máis inmediatos como son a presenza da food truck da Xunta “Galicia sabe a mar” que estará mañá 19 de setembro na praza do Concello de 12 a 15 e de 18 a 21 horas aproximadamente, con degustación gratuíta de petiscos para os veciños; e o espectáculo sobre o Camiño de Santiago e o Apóstolo, a partir das 21 horas. A ese respecto, o concelleiro destacou a colaboración de Turismo de Galicia que “permite que este dinamismo  festivo-cultural continúe”, adiantando que malia a previsión meteorolóxica de posibles tormentas polo que estudarán a necesidade de instalar unha carpa, escolleron a praza Enriqueta Casanova porque o espectáculo require dun espazo aberto, sendo este “o espazo idóneo e tamén en homenaxe aos que foron quen no seu día de darlle pulo ao Camiño de Inverno”.

“Camiño Máxico no Pico Sacro” da compañía Queiman e Pousa é unha obra musical que narra a historia do nacemento do Camiño de Santiago e o descubrimento da tumba do Apóstolo que remata cunha actuación musical que mestura folk e rock nun ambiente galego de contos e lendas que non deixará indiferente a ninguén.

 

 

Neste último trimestre do ano o Centro Cultural Avenida recupera a programación cinematográfica dende o 4 de outubro. O 31 de outubro será o Samaín; o 2 de novembro será o magosto; a reaOU (rede de auditorios provincial de Ourense) colaborará con dous espectáculos musicais no entorno da Ponte da Constitución; e xa no Nadal manterán o formato dos últimos anos cunha atención especial para os nenos.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button