EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Preséntase a aplicación tecnolóxica FitoVit con información fitosanitaria para o viñedo en tempo real

Esta aplicación para telefonía móbil foi desenvolvida pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

 

As dúas sesións da Mobile Week celebradas na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) tiveron como protagonista ao sector agroalimentario e a súa transformación sostible e dixital. A Confederación aproveitou o marco deste evento tecnolóxico para presentar un proxecto propio apoiado polo Inorde polo que pon en marcha a I edición do Programa Sustentabilidade no Sector Agroalimentario, e a continuación, para arroupar á Estación Vitícola e Enolóxica de Galicia na presentación da aplicación tecnolóxica FitoVit para viñedos.

A presentación deste programa contou coa participación de Marisol Novoa, presidenta da CEO, e Rosendo Fernández, o seu homólogo no Inorde, as dúas entidades que proxectan esta formación para profesionais deste sector. Marisol Novoa introduciu a sesión, lembrando que esta colaboración xustifícase porque ‘Inorde e CEO comparten a mesma sensibilidade e compromiso en actuacións deste tipo, que repercuten no beneficio do tecido empresarial da provincia’ e engadiu que este programa formativo ‘é unha iniciativa ambiciosa e pioneira que axudará a empresas ourensás deste sector na súa transformación e adaptación cara a pautas e prácticas máis sostibles’.

Rosendo Fernández, pola súa banda destacou a ‘importancia de levar a cabo este tipo de accións formativas que apoien a un sector crave no desenvolvemento social e económico da nosa provincia, dotándoos de coñecemento e ferramentas que as axuden nesa transformación cara á sustentabilidade que esixe a situación actual’.

O obxectivo principal deste programa, que arrinca o 27 de setembro coa primeira formación, é o de prover ás empresas participantes das ferramentas e o plan de acción necesario adaptado a cada caso para que alcancen satisfactoriamente estándares máis sostibles e respectuosos coa súa contorna e o medio ambiente. Para iso facilitaráselles coñecemento, asesoramento, ferramentas e recursos ata que logren implementar as accións que lles axuden a ser máis sostibles e gañar en competitividade, á vez que adoptan e optimizan as súas boas prácticas ambientais, responsables hoxe en día de gran parte da reputación dunha empresa.

Masterclass inicial sobre sustentabilidade

A sesión de hoxe contou cunha clase inaugural que impartiu Leticia Álvarez, directora académica do programa e recoñecida experta en estratexias de sustentabilidade quen introduciu o tema da importancia da sustentabilidade no panorama actual desde un punto de vista global, independentemente do sector empresarial ou outros factores. Nesta charla inicial, a docente falou sobre o propósito da empresa na contorna actual e cara ao mundo e a sociedade; e o camiño que necesita percorrer para crear a estratexia que a fará sostible financeira, social e medioambientalmente.

Ademais, repasou cuestións necesarias para cambiar o modelo de negocio e aproveitar as oportunidades que ofrece a sustentabilidade, e falou de conceptos tan estreitamente ligados coa sustentabilidade como pegada de carbono, economía circular, xestión da auga, biodiversidade, ou eficiencia enerxética, entre outros.

Na súa explicación introduciu tamén a noción de ‘cadro de mando de sustentabilidade’ para enfocar a estratexia de sustentabilidade facendo un mapeo dos indicadores dos distintos departamentos dunha empresa e novos indicadores que mostran o impacto sobre persoas e medio ambiente para, a continuación, establecer un número e obxectivo sobre cada indicador e trazar así o camiño cara á sustentabilidade.

 

 

Programa Sustentabilidade no Sector Agroalimentario

Jesús Cobaleda, director dos programas de Sustentabilidade e Gobernanza de CEOE Campus foi o encargado de explicar as fases, obxectivos e metodoloxía que terá esta primeira edición do programa, destinado a profesionais do sector agroalimentario da provincia.

As características principais é que é formación en modalidade virtual, impartida por expertos e contidos adaptados á realidade do sector. As pílulas formativas combinaranse co relato de boas prácticas e experiencias reais de empresa para conseguir finalmente que cada participante obteña ferramentas e un plan de acción adaptado aos cambios que necesita levar a cabo na súa empresa para ser máis sostible.

Serán distintas fases ata lograr implementar estes cambios e gañar en sustentabilidade, eficiencia e competitividade nun escenario que cada vez reclama máis compromiso e actuación nestes temas. Nestas distintas etapas traballarase a sensibilización, a análise, a formación propiamente, e o acompañamento para lograr os obxectivos do programa.

AppFitoVit

O director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan Casares, participou hoxe na Mobile Week Ourense coa presentación da aplicación AppFitoVit, que ofrece información fitosanitaria sobre o viñedo en toda Galicia. Con el tamén estivo a responsable de viticultura da estación, a investigadora Emilia Díaz.

Neste senso, Juan Casares sinalou que esta aplicación para telefonía móbil foi desenvolvida pola propia estación dentro das liñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e está financiada nun 75% con fondos Feader, ao abeiro da convocatoria de accións de cooperación.

Dita aplicación permite obter boletíns de avisos fitosanitarios territorializados en toda Galicia. Trátase dunha iniciativa que deu resposta a unha vella demanda do sector vitivinícola galego, ao poder contar cun sistema de avisos climatolóxicos e fitosanitarios homologable para toda Galicia. Desta forma, a través desta aplicación pódese predicir episodios adversos relacionados con enfermidades do viñedo (tendo en conta as características das zonas), con especial atención ás provocadas por fungos como o mildiu e, así, evitar posibles perdas económicas derivadas de tales fenómenos e contribuír a unha maior sustentabilidade do viñedo.

Para o seu desenvolvemento, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia contou cos servizos dunha empresa especializada no deseño de plataformas dixitais para a agricultura e viticultura de precisión, así como coa colaboración de 33 entidades entre as que se atopan os cinco consellos reguladores vitivinícolas de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button