EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Grafitos Barco e a Cooperativa Amarelante de Manzaneda, entre os premiados pola CEO na gala das empresas ourensás

Ademais, o Grupo Rural Manager S.L., con sede en Castiñeiro (San Xoán de Río), recibía o galardón de "Empresa Innovadora"

 

Das seis empresas distinguidas na Gala das Empresas Ourensás da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), que reunía este mediodía a máis de 200 persoas na Carballeira de Santa Cruz, tres teñen a súa sede no oriente ourensán. Así Grafitos Barco S.A. recibía o Premio á Empresa Familiar, que recollía Gabino Méndez Revuelta; ademais Amarelante Sociedade Cooperativa Galega de Manzaneda era galardoada como “Empresa Sostible”, disitnción que recollía a súa secretaria Luz Ocampo; e Grupo Rural Manager S.L., con sede en Castiñeiro (San Xoán de Río) o de “Empresa Innovadora”, que se lle entregaba a Juan Carlos Pérez.

As outras tres empresas ourensáns recoñecidas nesta edición eran Calzados Delfín, Delfín y María, Sterling y Jesús de Ourense no apartado de Comercio, Adventus Plus S.L. na categoría de Responsabilidade Social Empresarial e GRI Towers Galicia S.L., que recollía o Premio José Manuel Pérez Canal á Exportación, con sede no polígono da Uceira (O Carballiño).

 

As seis empresas ouresáns premiadas nesta edición./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O evento contaba coa asistencia dunha numerosa representación do tecido empresarial da provincia, así como de distintas entidades, organismos e administracións. Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, exercía de anfitrioa. Daba a benvida cunha intervención na que destacaba as dificultades actuais do tecido empresarial á vez que reclamaba “estabilidade e seguridade xurídica para crecer, para investir e para desenvolver proxectos de futuro; en definitiva, o que sempre demandamos desde o colectivo empresarial: as condicións favorables para seguir facendo o que facemos, que é crear emprego e oportunidades”. Así mesmo, Nóvoa facía un chamamento á unidade empresarial e ao asociacionismo, insistindo en que “xuntos temos unha voz colectiva máis forte e eficiente para reivindicar as políticas e regulacións que faciliten un ambiente empresarial favorable”. Finalmente, aludía á sustentabilidade como unha cuestión innegable para afrontar en todos os ámbitos, unha sustentabilidade que foi ademais o eixo da gala, a través de diversas accións.

 

A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A continuación, Lino Comesaña, director institucional de Abanca, referíase á importante función que desenvolven as empresas en ámbitos como “a creación de emprego e riqueza, a innovación, a sustentabilidade e transición enerxética, a responsabilidade social e a dinamización das contornas de proximidade”, lembrando que a entidade considera ás empresas un colectivo absolutamente prioritario, á vez que destacou “o papel da Confederación Empresarial de Ourense” á que agradeceu o seu traballo en favor das empresas ourensás e as iniciativas que poñen en marcha.

Pola súa banda, Rosendo Fernández, deputado de Relación Institucional, Turismo, Termalismo e presidente do Inorde, felicitaba ás empresas galardoadas e agradecía “ao tecido empresarial ourensán o gran traballo que realiza a diario a prol do noso territorio xerando riqueza, creando traballo, fixando poboación e, polo tanto, facendo provincia”.

Tamén interviña no acto o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que felicitaba á CEO por celebrar esta gala e “dar visibilidade aos éxitos do colectivo empresarial”, ao que encomiou lembrando a súa propia traxectoria no mundo da empresa. Igualmente, adiantou unha idea que o Concello de Ourense porá en marcha denominada ‘Plenos do éxito’, nos que convidarán regularmente a empresarios destacados da provincia para incorporar a súa experiencia, sabedoría e innovación e “debater e captar solucións e ideas a partir de todo o que estes empresarios de éxito poidan achegar”, porque “a empresa privada está a marcar sempre o pulso do mundo real e é algo que non deberiamos perder nunca”, concluía.

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, pechou a quenda de intervencións destacando a importancia de recoñecer o labor do emprendemento que, asegurou, “é unha das causas que explican a gran transformación de Galicia nos últimos anos”. Así, agradecía o apoio dos empresarios “para reivindicar o que a Galicia lle corresponde. Grazas por esa voz que se alza valente, moleste a quen moleste, cando se nos negan cousas que nos corresponden e se están dando noutros lugares”.

Nesta liña, resaltou o compromiso do goberno galego coa actividade empresarial a través de iniciativas como os Polos de Emprendemento (con tres en marcha xa na provincia de Ourense e un máis en carteira), a mellora e modernización das Oficinas de Emprego e a Estratexia Retorna para atraer o talento dos galegos do exterior que queiran regresar á comunidade.

 

Representantes de Grafitos Barco tras recoller o galardón./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Premio Empresa Familiar – Grafitos Barco S.A. (O Barco)

Esta empresa familiar constituíase o 7 de abril de 1979 por iniciativa de Gabino Méndez Gamarra para dar continuidade á actividade que xa viña desenvolvendo desde o ano 1963 como empresario a título individual. Esta firma fabrica e comercializa principalmente aditivos recarburantes con destino á industria siderometalúrxica. En menor proporción, tamén produce e comercializa outros aditivos de grafito con destino a outras aplicacións industriais como a fabricación de materiais de fricción, de lubricantes e aceites especiais.

Como medio de afrontar o futuro, Grafitos Barco, S.A. está firmemente decidida por unha actuación que se fundamente nunha actitude de mellora continua nas súas relacións comerciais, con provedores e clientes, nos seus procesos produtivos e nos seus sistemas de xestión, cunha decidida orientación á creación de valor e o progreso da sociedade.

O persoal, tanto das distintas instalacións de produción como do laboratorio e administración, está debidamente formado para a súa desempeño e segue as normas e instrucións que se contemplan para desenvolver esa mellora continua. A cuarta xeración, co bisnieto do fundador, está á fronte da empresa.

 

Representantes da Cooperativa Amarelante Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Empresa Sostible – Amarelante Sociedade Cooperativa Galega (Manzaneda)

A cooperativa Amarelante é un exemplo de revitalización do rural a través do aproveitamento da castaña. Amarelante é o nome da variedade de castaña máis habitual no Macizo Central ourensán e tamén o da cooperativa creada no 2013 por cinco familias que viron neste froito unha alternativa de futuro.

Comezaron a actividade coa recollida e venda en fresco da castaña dos seus propios castiñeiros e foron ampliando produción a través do alugueiro e cesión de castiñeiros, ao mesmo tempo que iniciaban un proceso de transformación para dar maior valor engadido ao produto. Esta cooperativa móvese baixo os principios de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.

 

Representante de Grupo Rural Manager SL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Empresa Innovadora – Grupo Rural Manager S.L.

Nace en Castiñeiro (San Xoán de Río) hai 10 meses nunha aldea abandonada que hoxe ten 7 persoas censadas. Esta startup desenvolve a plataforma dixital innovadora Aldealista (coñecida como o Tinder dos pobos) que conecta aldeas e persoas en base aos seus gustos e necesidades.

Integra a intelixencia artificial e a selección visual dos recursos turísticos e patrimoniais nun novo modelo de negocio disruptivo. Nesta app os territorios excluídos socialmente fanse visibles para aqueles que buscan unha aldea na que cambiar a súa vida, unha nova forma de facer turismo ou de atopar vivenda, permitíndolles valorar distintos lugares dunha forma moi sinxela e intuitiva. Está dispoñible en máis de 50 países con preto de tres mil matches.

 

 

As empresas do oriente ourensán premiadas na gala da CEO, en vídeos

 

O Monte CEO

A Confederación Empresarial quixo aproveitar a gala para sensibilizar sobre a sustentabilidade, definida pola súa presidenta como “pedra angular da responsabilidade empresarial e social” e poñer o seu gran de area a través da medición do impacto ambiental do evento para a súa compensación posterior. Marisol Nóvoa  aseguraba que, “como colectivo empresarial, debemos traballar xuntos para desenvolver e implementar estratexias sostibles que non só beneficien ás nosas empresas, senón tamén á sociedade e ao medio ambiente”.

A proposta era celebrar un evento neutral en emisións de carbono, reducindo e compensando o impacto xerado pola súa celebración. Para iso mediuse a pegada de carbono xerada, poñéndolle cifras coa axuda da startup galega Airco2 (air CO₂), -única plataforma de Europa que neutraliza a pegada de carbono en proxectos de conservación forestal local- para compensar este impacto a través do Monte CEO, unha masa forestal situada na provincia. Este monte servirá para compensar as emisións deste evento e posteriores, e poderá servir tamén para que as empresas sómense a unha neutralización simbólica das súas pegadas de carbono.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button