DeportesMotociclismoÚltima hora

60 pilotos participarán no Trial Box desta fin de semana na Estación de Montaña Manzaneda

 

Trial na área permanente da Estación de Montaña Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O circuíto de trial inaugurado o pasado mes de novembro por Toni Bou, piloto oficial do equipo Montesa Repsol-Fonda e 34 veces campión do mundo, será o escenario do primeiro gran evento deportivo da tempada de verán da Estación de Montaña Manzaneda.

O Trial Box desta fin de semana contará con 60 participantes nas categorías de TR Infantil, TR 5, TR4, TR3, TR2 e TR1. Unha das novidades será a inclusión dunha nova categoría para nenos menores de 12 anos, accesible con calquera tipo de moto co obxectivo de que se inicien.

“Despois da espectacular exhibición do ano pasado, esta será a primeira oportunidade na que estas novas instalacións, avaladas por Toni Bou, poidan demostrar o seu potencial para acoller calquera tipo de probas. Nesta ocasión cun aliciente, pois ademais de atoparse nunha zona de alta montaña, tanto os participantes como o público asistente atoparase aínda con neve”, aseguran dende a Estación.

 

Toni Bou na exhibición que fixo na Estación en novembro.

 

Do mesmo xeito que ocorreu en novembro, os pilotos poderán aproveitar a área permanente e tamén a zona natural do monte con diferentes graos de dificultade. “Debido precisamente á neve, será necesario modificar dúas áreas de montaña con respecto á anterior competición, aínda que se manterá a súa espectacularidade”, puntuallizan. A proba arrincará o sábado 6 de abril ás 12 horas coa saída dos pilotos de menor idade, que darán paso ao resto de participantes.

Co Trial Box desta fin de semana arrinca o calendario de eventos deportivos da tempada na Estación de Montaña, con 4 previstos para este mes de abril. Os días 9 e 10, acollerá o final e saída de dúas etapas da Rally Adventure 2024; e nas fins de semana do 21 e 29 de abril as instalacións acollerán as novas edicións da Transgalaica e do Gran Fondo e Medio Fondo da Federación Galega de Ciclismo.

Estes catro eventos deportivos do mes de abril serán só o anticipo dun intenso calendario de actividades que se prolongará ata o final de verán e que xa conta con 16 eventos confirmados que abarcan diferentes disciplinas: orientación, bicicleta, motos ou mesmo tenis, como novidade coa organización dun campus. O culmen da programación será a etapa número 12 da Volta a España, o 29 de agosto, con saída desde a cidade de Ourense e chegada á Estación de Montaña.

Artigos relacionados

Back to top button