En portadaÚltima hora

Preséntase a colección de bolsos “Viana”, inspirada nos Boteiros e no Entroido vianés

A marca Verbena Madrid vén de lanzar esta colección primavera/verán, formada por unha serie de seis bolsos e na que se recolle o saber e o bo facer das artesás das camisetas destas máscaras

Tradición, calidade, deseño e innovación. Son os referentes da marca promovida por Cristina Criado e Carmen García: Verbena Madrid. “O que facemos é recuperar diversas técnicas artesanais ao longo de España e logo aplicalas, xunto aos artesáns que as desenvolven, a novos produtos que nós deseñamos. Chegamos a esas técnicas a través dun labor de investigación”, conta Carmen García.

Nada máis descubrir o Entroido de Viana do Bolo namorábanse “do seu colorido e fixámonos moito nas camisetas dos Boteiros e no marabillosa que era a técnica que levaban, e empezamos a investigar e así demos con Jorge (Domínguez), un dos organizadores do Entroido e cuxa nai é unha das artesás que fan esas camisas”.

 

Carmen e Cristina, de Verbena Madrid, coas artesás vianesas Charo, Anita e Otilia./ Foto: Verbena Madrid.

Comezaba a xestarse entón un novo proxecto que, tras varias visitas a Viana e máis dun ano de traballo e colaboración, vén de dar lugar á colección “Viana” de Verbena Madrid, que se lanzaba o xoves 14 de febreiro en Madrid. Nela cobran protagonismo os bolsos. “É a primeira vez que facemos bolsos e partimos duns deseños baseados nos fruncidos das camisetas que as artesás de Viana elaboran, e ao longo deste ano estivemos traballando xunto a elas. Os bolsos levan esa parte de artesanía, que fixo en Viana, e logo, o interior e o exterior está montado en peles de diferentes cores. Esta parte fíxose en Madrid, pero logo os bolsos volveron a Viana para que os rematasen as artesás e como último control de calidade”, explica Carmen García.

 

A colección consta de seis bolsos, e cada un leva o nome dunha das seis mulleres que os frunciron e que coseron manualmente centos e centos de metros de cintas á súa base de liño 100% natural: Otilia, Antonia, Manuela, Charo, Carmen e Anita. “É a primeira vez que traballamos cun elemento tan explícito da tradición do Entroido e resultou moi bonito realizar este proxecto”, comenta Carmen García.

Verbena Madrid considera “moi importante que o produto estea feito de forma slow, é dicir, o que chamamos moda lenta, coidando moito o detalle, ao produtor e que a materia prima usada sexa a mellor posible. E neste caso cumpre todos os requisitos”.

 

O elemento central desta colección son os bolsos, pero tamén se completa con pendentes e coroas, “unha especie de tocados verticais bastante chamativos e característicos de Verbena, que foi cos que lanzamos a nosa marca hai dous anos”, matizan. Estes produtos tamén están inspirados no Boteiro ou en elementos relacionados co Entroido vianés, enlanzando co espírito artesán desta antiga tradición.

Fotos: Verbena Madrid.

Máis información:
https://verbenamadrid.com/
https://www.instagram.com/verbenamadrid/

 

 

Artigos relacionados

Back to top button